Skip to main content
Triacastela

Triacastela homenaxea aos peregrinos cunhas festas acolledoras

Por 19 Xullo, 2021Xullo 20th, 2021Sin comentarios

Triacastela acolleu no día de onte, 18 de xullo, a Festa do Peregrino, nunha xornada de calor, bo ambiente, actividades e espectáculos. Os tractores clásicos da Colección Museográfica Muvicla foron os encargados de abrir o programa da segunda edición da Festa do Peregrino, cunha pequena peregrinaxe dun tramo do Camiño de Santiago.

A música tradicional pouco tempo tardou en soar e amenizar as rúas da vila que, pouco a pouco, comezaban a encherse de vida. O pregón veu da man de Luís Celeiro, xornalista natural de Samos, que falou da historia da vila e de lendas. Así mesmo, adicou uns versos a Triacastela.

Xa na xornada da tarde, comezouse cun obradoiro de arte, seguido por un espectáculo de marionetas para os máis pequenos e pequenas. Coa música dun piano mecánico danzan Don Gaiferos co seu acompañante Patas Tan; así arrinca esta gran aventura que comezou cando, nun lugar do Camiño, Gaiferos atopouse co Diaño Luciferino, que o desafiou ao xogo da Oca. Tivo sorte cos dados o peregrino e gañou a partida ao do inferno, que pasou por todo o Camiño facendo despropósitos e maleficios para detelo.

A continuación, chegou o turno dunha recreación histórico-teatral realizada polo grupo Lila Teatro que non deixou indiferente a ninguén. Para rematar, e sendo un dos pratos fortes desta xornada, a artista Lucía Pérez puxo o broche de ouro á segunda edición da Festa do Peregrino cun concerto que comezou ás 21 horas para pór punto e final a uns festexos diferentes pero amenos, nos que primou a responsabilidade e o divertimento.

Así mesmo, o evento tivo a participación da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na comarca de Sarria, así coma a de Hospitaleros sen fronteiras e a Asociación Protectora Animais do Camiño (Apaca). Hai que recordan, tamén, a importancia do festexo por ser unha homenaxe aos peregrinos que camiñan ata Santiago. Ademais, hai que sinalar que é unha forma de que veciños e peregrinos compartan unha xornada de lecer, protagonizada pola música, as actividades e o bo ambiente.