Skip to main content
Guntín

O novo dispositivo de asistencia no Camiño de Santiago presentouse en Guntín

Por 8 Agosto, 2021Sin comentarios

Dende a pasada semana, dous axentes da Policía Autonómica en Lugo transitan en moto polas rutas do Camiño de Santiago, en coordinación cun coche de apoio nas inmediacións por se fora preciso realizar un traslado ou calquera outra intervención. Así pois, realízase este novo servizo para prestar asistencia no Camiño en caso de que fose preciso.

Desta maneira, mantívose un encontro co inspector xefe da Policía Autonómica en Lugo, Javier Amigo, e os policías de servizo en San Román da Retorta (Guntín) para coñecer a impresión destas primeiras xornadas.

Os axentes informan aos peregrinos sobre medidas básicas de seguridade e controlan o bo estado do Camiño e dos seus elementos, contribuíndo á prevención de delitos, pequenos furtos ou condutas como a alteración da sinalización, obras ou instalacións irregulares.

O operativo permanecerá activo cando menos durante os meses de verán, coa posibilidade de amplialo na medida en que o aconselle a afluencia de peregrinos. Estes días están a incidir especialmente nas etapas do Camiño Francés porque rexistra o maior volume de camiñantes, pero actuarán tamén no Primitivo, o Norte e o de Inverno.