Skip to main content
Sarria

A igrexa de Barbadelo, unha sorpresa do Camiño de Santiago

Por 29 Agosto, 2021Agosto 30th, 2021Sin comentarios

Recorrer o Camiño de Santiago trae consigo unha chea de sorpresas a nivel histórico e cultural. Igrexas, capelas, monumentos e lendas, son algunhas de todas esas sorpresas que se poden atopar, nunha aventura especial e única que esconde tanta riqueza.

Así pois, debido á relixiosidade da andaina, a maior parte dos elementos ou todos os que se atopan nela, -a excepción de pontes ou outros elementos arquitectónicos precisos para poder continuar camiñando- son de carácter relixioso. Sen embargo, e a causa das diversas épocas nas que se fixeron, os estilos arquitectónicos son diferentes, creando un Camiño de Santiago cheo de arte de épocas distintas.

Unha das igrexas coas que te atopas recorrendo o Camiño é a igrexa de Santiago de Barbadelo, unha construción da segunda metade do século XII dunha soa nave. A edificación atópase nunha parroquia de Sarria denominada Barbadelo, preto do río do mesmo nome e a 123 quilómetros de Compostela. A igrexa atópase nunha zona tranquila e curiosa onde existiu, con anterioridade, un mosteiro que data do século X e que incluso está recollido no Códice Calixtino.

En canto ao exterior, é unha igrexa románica, de pedra que conta en cada un dos seus tres muros, cunha portada. Sen embargo, a da fachada sur está cegada na actualidade. Na oeste e na norte, mantéñense as súas portadas románicas nas que se pode descubrir unha decoración curiosa e interesante con motivos zoomórficos, antropomórficos e fitomórficos. Destaca a portada principal, cun número importante de elementos decorativos únicos e enigmáticos, moitos deles que escapan da realidade e deixan voar a imaxinación daquelas persoas que os contemplen.

Desta maneira, atópanse catro capiteis nos que se esculpiron figuras un tanto complexas do reino animal: por unha beira, aparecen dúas serpes con rostro de dragón cuxos corpos se entrelazan entre sí, formando unha figura curiosa e única. Mentres, nas outras dúas, aparecen dous leóns enfrontados.

Así mesmo, a portada tamén se compón de dúas arquivoltas lisas de medio punto. O tímpano, polo seu lado, está decorado por rosetas e unha cruz, así coma unha figura que presenta os brazos alzados con dúas estrelas en cada lado.

Unha igrexa única, con gravados singulares na que tamén se pode salientar a torre románica construída no lado noroeste da igrexa. Nela pódense distinguir tres corpos e resalta a súa arquitectura interior. A decoración dos capiteis das columnas nas que se apoian os arcos de medio punto son característicos e chaman a atención nunha edificación de obrigada parada.

Para concluír, hai que destacar que foi declarada Monumento Nacional en 1976, sendo dende daquelas, un Ben de Interese Cultural. Unha sorpresa de orixe románico, que o Camiño de Santiago reserva para todas aquelas persoas que o queiran contemplar.