Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Pontón critica a falta de recursos na atención primaria da Mariña

Por 23 Setembro, 2021Sin comentarios

A portavoz nacional, Ana Pontón, abordou nunha visita á Mariña a situación da sanidade pública coa Plataforma en defensa da sanidade na Mariña,  tras unha encontro ante o centro de saúde de Burela. “Estamos diante do centro de saúde de Burela, pero poderíamos estar diante do centro de saúde de Foz, de Ribadeo ou de Viveiro, todos eles impactados polos recortes da Xunta”, destacou Pontón, que afectan particularmente á Atención Primaria.

“Por primeira vez na historia, os galegos e as galegas non teñen garantida a consulta presencial e faltan recursos, faltan médicos e persoal sanitario de todas as categorías, non se cobren as baixas, non se cobren as vacacións e os profesionais están esgotados, cansos e cansas de ter que multiplicarse e facer máis, cada vez con menos medios, e teñen todo o noso recoñecemento”, indicou.

Pontón insiste nas propostas nacionalistas: investimento urxente en Atención Primaria de 200 M€, recuperar as consultas presenciais sen listas de espera para todas as persoa que o soliciten e contratar todas as prazas vacantes no SERGAS, porque unha sanidade pública de calidade require profesionais, médicas, enfermeiros, administrativos, fisioterapia ou saúde mental.