Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Alcaldes da Mariña e Deputación reuníronse coa Ministra para falar de Alcoa

Por 31 Decembro, 2021Xaneiro 2nd, 2022Sin comentarios

Segundo a Deputación a multinacional americana “non xogou de boa fe, non xogou claro neste proceso, e aludiu ao acordo para subministro de enerxía eléctrica acadado por Alcoa coa empresa Greenalia para o período 2024-2034″

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, alcaldes e alcaldesas da comarca da Mariña, e o titular da institución provincial da Coruña, Valentín González Formoso, participaron nunha reunión coa Ministra de Industria, Reyes Maroto.

Un encontro no que se analizou o acordo asinado pola multinacional Alcoa e os traballadores da factoría de San Cibrao co compromiso de que non haxa despidos.

José Tomé valorou a capacidade de mobilización dos traballadores e das administracións. “Conseguiuse sentar a negociar a unha empresa que, nun primeiro momento, non quería facelo”. Para o Presidente da Deputación de Lugo, o feito de ter chegado a un acordo “apoiado por ampla maioría da masa social dos traballadores é positivo. Outra cousa é que sexa o mellor acordo posible. En todo caso, como dixo o alcalde de Foz, é o mellor posible neste momento, nestas circunstancias”.

O acordo contempla o apagado das cubas por un período de dous anos, para reiniciar a produción de aluminio no ano 2024, así como un investimento de 90 millóns de euros na planta de aluminio. “En todo caso, teremos que estar vixiantes, e así se comprometeu facelo o Ministerio de Industria, para que Alcoa cumpra punto por punto o pactado cos traballadores e se recuperen as cubas no momento de facelo”, asegurou José Tomé. 

Na súa opinión, a multinacional americana “non xogou de boa fe, non xogou claro neste proceso”, e aludiu ao acordo para subministro de enerxía eléctrica acadado por Alcoa coa empresa Greenalia para o período 2024-2034. “Alcoa sempre dixo que o problema era o prezo da enerxía e vese que non é certo. Que tiña outros plans, outras estratexias.”

O presidente sinalou que a Deputación de Lugo vai estar sempre “no apoio ao tecido industrial, aos traballadores, ás familias e tamén ás empresas auxiliares, porque empresas como Alcoa ou Vestas son fundamentais para A Mariña e para a provincia”. Neste sentido, abriu a porta algún tipo de colaboración, “que haberá que valorar”, co Ministerio de Industria.

O mandatario provincial insistiu na necesidade de que a Xunta de Galicia presente “un plan de reindustrialización para A Mariña, porque a comarca ten que contar cunha estratexia global para reverter o proceso de perda de actividade empresarial, e é a Xunta a que ten as competencias en industria”.

PSdeG

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, sinalou hoxe en Santiago que “o acordo -asinado polos traballadores da planta de Alcoa en San Cibrao- é importante, pero o máis importante é que este se cumpra” e que a planta poida volver á actividade en dous anos. 

Así o dixo logo dunha xuntanza de traballo coa ministra de Industria, Reyes Maroto, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e os alcaldes e representantes socialistas da comarca para valorar a situación logo da sinatura do acordo de Alcoa cos traballadores de San Cibrao.

O líder dos socialistas galegos explicou que a Comisión de Seguimento do acordo traballará de forma “viva” e estará composta por “interlocutores aplicados, e sobre todo con compromisos reais e permanentes por parte das administracións presentes”. Sinalou así que o Ministerio de Industria será “garante de que a palabra dada –por Alcoa aos traballadores- se cumpra”. 

O responsable socialista trasladou o “respecto absoluto” do PSdeG e dos alcaldes da Mariña, na liña do que vén sinalando o Ministerio de Industria, polo acordo votado maioritariamente polos traballadores da empresa. Advertiu que “a cidadanía da Mariña non se pode permitir que os investimentos previstos nos acordos e as melloras laborais se convertan en papel mollado”.