Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

CCOO e Mancomunidade trataron a situación do tren na comarca

Por 3 Febreiro, 2022Sin comentarios

Varios representantes de CCOO mantiveron unha xuntanza con Francisco Cajoto,  presidente da Mancomunidade e alcalde do Concello de Foz para  tratar a situación do estado da liña e servizos ferroviarios da rede de ancho métrico que  discorre pola comarca. 

CCOO indicoulle que desde hai moitos anos e sobre todo desde que se produciu a integración de FEVE en ADIF e Renfe, “os investimentos limitáronse a actuacións puntuais de mantemento, proba diso é que existen limitacións temporais de velocidade desde fai máis de  vinte anos e cando hai temporais prodúcense numerosos incidentes en trincheiras e zonas de  árbores”. 

Tamén informaron que as numerosas incidencias que se producen nos servizos de viaxeiros, con supresións e transbordos “é debido a que unha parte da frota que se usa ten moita  antigüidade e os trens menos antigos sempre deron moitos problemas por deseño de fabricación, ao que hai que sumar o deficiente mantemento pola falta de repostos debido aos  escasos orzamentos para esta zona”. 

Outro dos asuntos tratados é “a non presencia de persoal ferroviario nas estacións de Viveiro,  Xove e Burela e obrigar aos viaxeiros para comprar os billetes nas máquinas autoventa  instaladas nas estacións, cuestión que prexudica aos usuarios de idade avanzada”.

Desde CCOO “cremos que a oferta de servizos ferroviarios é insuficiente, xa que só hai catro  servizos por sentido e día entre Ferrol e Ribadeo, dous dos cales son conexión con Asturias,  e deberíanse realizar xestións para incrementar a oferta cun servizos de proximidade que  nalgún caso terían que ser entre Ribadeo e Ortigueira para dar un servizo de calidade en toda  a comarca para estudantes, traballadores e demais usuarios, e aproveitar a intermodalidade  cos buses na estación de Burela para conectar co Hospital da Mariña e os Institutos”. 

Expuxeron que A Mariña é unha zona onde se desprazan moitos turistas en época estival, ademais de datas puntuais como a Semana Santa e eventos folclóricos e festivais musicais, polo que sería importante incrementar os servizos ferroviarios nestas datas e que se solicitase  a construción dun apeadeiro xunto á Praia das Catedrais que é un dos puntos máis visitado  de Galicia e parece inconcibible que non teña unha parada o ferrocarril. 

Solicitaron que todos eses puntos os traslade ao resto de municipios e “que estamos dispostos a manter as reunións que sexan necesarias para informais, así como que se pida  ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que se realicen todos os  investimentos necesarios para a mellora da infraestrutura e servizos públicos ferroviarios”, dixeron dende CCOO. 

Desde a Unión Europea hai unha aposta polo ferrocarril como medio de transporte máis ecolóxico e sostible e “se teñen que presentar proxectos para que estean incluídos nos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia entre os cales deberían de incluírse  os necesarios para o impulso desta liña ferroviaria”.