Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Isabel Rodríguez mantivo un encontro cos alcaldes da Ribeira Sacra

Por 19 Febreiro, 2022Sin comentarios

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou, en Ribas de Sil, a alcaldes e responsables municipais das comarcas de Lemos e Quiroga da nova liña de axudas creada polo Goberno para fomentar o acceso á vivenda a mozos e mozas nos concellos que teñen unha poboación inferior a 10.000 habitantes. A subdelegada reuniuse esta mañá cos alcaldes de Ribas de Sil, Pantón, Sober, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Bóveda e O Saviñao e co concelleiro de Xuventude de Quiroga.

Isabel Rodríguez explicoulles que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana creou este programa de subvencións co dobre obxectivo de facilitar o acceso á vivenda da xente nova ao tempo que trata de axudar a atraer poboación aos concellos con menos habitantes.

Rodríguez anunciou que o Goberno concederá unha axuda de ata 10.800 euros para aqueles mozos e mozas que decidan adquirir unha vivenda para uso habitual en municipios de menos de 10.000 habitantes. Esta subvención tamén se estende á mocidade que opte polo alugueiro no lugar de comprar vivenda. Os beneficiarios e beneficiarias serán aquelas persoas que no momento de solicitar a axuda teñan 35 anos ou menos. No caso dos concellos de Lemos e Quiroga, agás Monforte de Lemos que supera os 10.000 habitantes, son arredor de 2.000 mozos maiores de 18 anos e menores de 35 os que se poden acoller a este novo programa de axudas.

A subdelegada destacou que este programa “facilitará que a mocidade opte polas vilas e os pequenos municipios á hora de iniciar o seu proxecto de vida” e destacou o impacto que pode ter esta medida na nosa provincia na que “61 dos 67 concellos entran dentro desta categoría de poboación”.

Isabel Rodríguez incidiu en que o obxectivo que se fixa o Goberno con estas novas axudas é axudar a asentar poboación nova nos pequenos concellos para frear o seu declive. Lembrou que o reto demográfico é unha política transversal do Goberno de España, que se reflicte naqueles programas e medidas que teñen impacto sobre a poboación e o territorio como poden ser a vivenda, os servizos públicos e o impulso a actividade empresarial.

AXUDAS PARA A COMPRA E ALUGUER

O Programa de axuda ás persoas mozas para contribuír ao reto demográfico é un dos trece programas que forman parte do novo Plan estatal de Acceso á Vivenda 2022-2025, aprobado polo Goberno. O obxectivo deste programa é atraer xente moza aos concellos máis pequenos, facilitando o asentamento de poboación nestes territorios.

Para isto contémplanse dúas axudas:

Unha axuda á compra de vivenda, de ata 10.800 euros ou ata o 20% do total de prezo da vivenda. O prezo da vivenda non deberá ser superior a 120.000 euros.

Unha axuda ao alugueiro por cinco anos. Será una axuda mensual que cubrirá ata o 60% da renda mensual, ata un máximo de 360 euros. Esta axuda será compatible co bono de alugueiro xove de forma que pode cubrir ata o 75% do custe do alugueiro.

CONVOCATORIAS AUTONÓMICAS

A subdelegada explicou que estas axudas teñen vixencia dende o 1 de xaneiro polo que, no momento en que se convoquen as ordes correspondentes, beneficiarían os contratos asinados xa dende comezos deste ano.

Explicou que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, organismo responsable do Plan Estatal, dispón dos fondos nas partidas orzamentarias deste ano que serán transferidos á Xunta, pois será esta administración a que se ocupa da convocatoria das axudas.