Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Vaise restaurar a vexetación e mellorar a conectividade fluvial do río Masma

Por 18 Abril, 2022Sin comentarios

Vanse  investir algo máis de 106.000 euros no río Masma no marco dun proxecto de restauración ambiental que busca recuperar o bosque de ribeira e mellorar a conectividade fluvial para facilitar o fluxo das poboacións ictícolas ao longo de 3 tramos cunha lonxitude de 48 quilómetros.

Así, a responsable autonómica explicou que os traballos se enmarcan no proxecto Mil Ríos, unha iniciativa do seu departamento cun orzamento global de 5 millóns de euros procedentes dos fondos NextGenerationUE e coa que aspira a mellorar 470 quilómetros de 50 cursos fluviais nas catro provincias para aumentar así a súa resiliencia e capacidade de resposta ante o cambio climático.

Trátase, tal e como lembrou, dunha das actuacións máis ambiciosas grazas ao financiamento europeo asignado a Galicia para iniciativas no eido da restauración e da conservación dos ecosistemas e da súa biodiversidade.

No caso concreto do río Masma, explicaron que os traballos previstos comezarán a vindeira semana con dous obxectivos principais: por unha banda, recuperar a vexetación de ribeira no ámbito obxecto de intervención eliminando as especies exóticas invasoras e plantando no seu lugar autóctonas; e por outra, mellorar a conectividade fluvial actuando en varias presas para resolver os problemas detectados.

Neste sentido e tras indicar que se están a elaborar propostas concretas para cada infraestrutura —desde melloras nos dispositivos de franqueo ata a súa demolición—, a conselleira aclarou que nalgúns casos a situación actual dificulta ou mesmo fai imposible o remonte dos peixes mentres que noutros trátase dun problema de mantemento, xa que as escalas producen a retención de restos de ramas e vexetación.

Estas actuacións, cun prazo de execución estimado dun mes, levaranse a cabo ao longo de 48 quilómetros de río e abranguerán unha superficie de 72 hectáreas pertencentes aos municipios de Mondoñedo, Barreiros e Lourenzá. A intervención prevé tamén obras de mellora na escala de Celeiro, actuación que requirirá previamente da redacción dun proxecto específico polo que haberá que agardar aínda para comezar os traballos.

ACTUACIÓN EN CINCO RÍOS DA PROVINCIA

No caso da provincia de Lugo, utilizarase a primeira fase do proxecto Mil Ríos para avanzar na recuperación, restauración e mellora da resiliencia nas marxes dos tramos seleccionados en cinco canles fluviais —Landro, Lor, Ouro, Guisande e Masma—, para o que se prevé intervir nun total de 146 hectáreas e en 97,5 quilómetros de río que discorren por 13 municipios.

Das cinco actuacións previstas, a intervención presentada esta mañá en Mondoñedo é a máis ambiciosa xa que se estenderá por un total de 48 km de río, o que supón practicamente a metade da superficie fluvial que se pretende mellorar no conxunto da provincia lucense grazas a este proxecto de restauración ambiental en zonas húmidas.

O Masma, pertencente á vertente cantábrica, ten unha superficie de conca de 290 km² e a súa principal peculiaridade é que se trata dun río enteiramente galego, desde o seu nacemento, cerca da serra do Xistral, no municipio do Valadouro, ata a súa desembocadura na ría de Foz, xunto á praia da Rapadoira e logo de percorrer os concellos de Abadín, Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros