Skip to main content
Cultura AMARIÑAXAO Vicedo

Entrevista: “O centro de día é unha boa axuda para os nosos maiores”

Por 17 Abril, 2022Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Jesús Novo, rexedor vicedense, leva 21 anos á fronte do Concello.

Jesús Novo Martínez é o rexedor do Concello do Vicedo dende 2001 no que colleu a batuta da Alcaldía trala dimisión do anterior alcalde.

Pode facernos un balance do ano que terminou?

A pesar de toda a situación da covid estivemos traballando en beneficio do Concello e dos nosos veciños e destacamos pola boa xestión económica que nos permitiu facer varias obras de mellora e atraer turismo. Tamén dicir que o ano pasado, o 2021, foi nun principio algo mellor que este 2022 polo tocante ao gasto en enerxía e en gasóleo pois agora mesmo hai un problema con todo isto.

Teñen moito gasto enerxético?

Nos somos un Concello pequeno que contamos con arredor de 1.000 luminarias e como sigamos a este ritmo entre luz e gasóleo poderíamos pagar 80.000 euros, e menos mal que recentemente fixemos un cambio de alumeado a led senón subirá moito máis.

“Contamos cun caixeiro no que só se poden facer retiradas de cartos. Para os demais trámites hai que ir a Covas”

Así que estamos preocupados como calquera veciño. Por outra banda disparáronse os prezos das obras no que o metro cadrado de aglomerado pasou de 6.30 a 8.50 co cal facemos moitas menos melloras e acondicionamentos.

Que quedaría por facer de cara a este ano?

Nos temos un remanente importante do que tiramos porque necesitamos completar o aparcadoiro do Fuciño do Porco e no cal xa temos, no orzamento deste ano, unha cantidade para mercar arredor de 3.500 metros para poder amplialo e facer a saída por unha pista e así crear un percorrido circular. E tamén teremos que rematar a obra en si da que deberemos tirar tamén do remanente.

Ademais faranse as obras do Plan Único, que serán menos pola suba de prezos, e utilizaremos arredor duns 200.000 euros dos fondos propios para continuar coas melloras.

É no tocante ao centro de día?

Temos previsto abrilo canto antes pois é un servizo fundamental. Está situado na antiga Casa do Mar e contará con 22 prazas, ten cociña, comedor e dúas salas. Estivemos valorando facer unhas casas do maior pois van saír unhas axudas autonómicas pero necesitan outro tipo de condicións e non sabemos se nola concederán. Este tipo de casas ilusiónanme moito por diferentes motivos, primeiro pola contratación dunha ou varias persoas co cal fomentamos o emprego directo e tamén o indirecto, e tamén porque é unha moi boa axuda para os nosos maiores.

Recentemente presentaron a curta de Jakobsland en Santiago, como foi?

A curtametraxe Jakobsland foi todo un éxito na súa presentación en Santiago pero agora toca facelo na nosa terra, por iso presentarémola oficialmente na casa da cultura do Vicedo o 9 de abril ás 19.30 horas. Tamén levarase a Miami, México, Madrid, Barcelona, Sabadell e Lleida. Creemos que é unha moi boa tarxeta de presentación para que a xente coñeza o noso Concello e as marabillas turísticas que temos.

“Temos no tinteiro o paseo que se vai facer desde O Varadero ata Moledos no que xa comezamos coas expropiacións”

Cal é o maior proxecto que se levou a cabo no Concello dende que goberna?

Un deles é o centro de día que estamos para abrilo e que é unha demanda histórica da veciñanza e por outra banda o paseo do Varadero e que a nosa idea é continualo ata o Porto para así poder acondicionar a praia urbana de Fomento xa que é necesaria a súa rexeneración porque nela críanse constantemente unhas algas e dá sensación de abandono. Outro dos grandes proxectos é que conseguimos inicialmente foi a substitución de todas as tubaxes de abastecemento de auga que eran de fibrocemento polas de PVC e no que se fixemos un gran investimento. Xa máis recentemente fixemos o cambio de aforro enerxético no que nos temos como mínimo o 85% de led en todo o Concello e gracias a iso as nosas facturas non son tan elevadas.

Cales son os beneficios fronte a outros municipios?

O Vicedo non é un Concello grande e que conte con moitas industrias por iso a nosa aposta dende o principio foi o turismo e enfocalo cara o noso patrimonio medio ambiental como o Fuciño ou que temos a mellor ría do mundo. Ademais contamos con moi boas festas como a de turismo rural ou a romaxe. Non pretendemos ser un Concello grande pero o que si queremos é atraer xente, desenvolver servizos e axudar aos veciños.

Que necesidades ten o Concello a día de hoxe?

Eu creo que agora mesmo necesitamos máis prazas hoteleiras e máis restauración xa que no verán desbordase porque non hai capacidade para tanto visitante. Pero outra das necesidades importantes son as inversións e estaría moi ben que viñeran empresas e máis negocios, é dicir, máis inversións.

Ten algún proxecto de cara ao futuro?

Temos no tinteiro o paseo que se vai facer desde O Varadero ata Moledos no que xa comezamos coas expropiacións e xa temos o visto bo de Costas. Sempre desexei abrir Vicedo ao mar e é algo polo que levamos loitando dende fai moitos anos por iso espero que a obra do paseo se faga axiña.

Como van as obras do aparcadoiro do Fuciño do Porco?

Contamos que na Semana Santa este xa aberto ao público e de feito agora mesmo xa se pode aparcar aínda que tan só faltan por rematar o camiño de acceso e algún pequeno detalle. Xa cando chegue o verán pretendemos colocar unha caseta de información turística para os visitantes.

Tamén están a remodelar o colexio, non?

Si, comezaron as obras de mellora da eficiencia enerxética así como outros traballos de acondicionamento xeral nos que investíronse 232.300 euros. Substituiranse as carpinterías exteriores, illarase a fachada, cambiaranse o sistema de alumeado, e reformaranse os aseos. Estímase que a obra dure uns tres meses.

Este ano haberá Romaxe Vikinga?

Polo momento temos a partida orzamentaria para a facer a Romaxe Vikinga e o mes que vén comezaremos as reunións coa comisión para ver que e como se fará. No tocante ao resto das festas e as actividades esperamos que este ano a covid permítanos facer algunha cousiña pois creo que todos estamos necesitados de facer actividades, de desfrutar, de saír e de divertirnos.

Houbo recentemente problemas polo servizo de saúde no rural. Está O Vicedo afectado por esta situación?

No nosos centro de saúde contamos con dous médicos e cando un está de baixa ou vacacións non hai para persoal para cubrir o seu posto. A verdade é que noutros concellos están moito peor e é unha preocupación que creo que compartimos todos.

Outros dos grandes eixos do ano foron os peches das oficinas bancarias. Afectou ao Vicedo?

Aquí podemos dicir que estamos moi afectados e enfadados pois nos contamos cun caixeiro no que tan só se poden sacar cartos, así que os veciños non poden nin facer ingresos, nin tranferencias, nin pagos de recibos e a xente ten que ir a Covas para estes trámites. Por este tema foi a única vez que fun falar con Feijoó a Santiago pois molestoume e moléstame moito xa que a xente é maior e non sabe usar a banca electrónica e único que fixeron foi remitirme a colocar un caixeiro. Agora parece ser que Abanca comprometeuse a instalar outro tipo de caixeiro para poder facer todas estas operacións. Pero aínda así esta non é a solución e estou pelexándome con isto para ver se volve abrir a oficina bancaria.

O debate pola normativa do lobo segue de actualidade. Como se posiciona o Concello e os veciños?

Isto non ten amaño e aquí como en outros concellos da Mariña o lobo chegou á altura das casas e matou becerros, galiñas e cans. Eu creo que a única solución é a caza controlada porque non se pode comparar Andalucía que Galicia, e na miña opinión é un tema totalmente electoral. E no tocante as indemnizacións son poucas, mal pagadas e tarde, pois ninguén gandeiro pensa que un lobo vai matarlle un  becerro.