Skip to main content
Lugo

A Asociación de Xubilados de Lugo nomeou a Lara Méndez e Fernando Ónega padriños de honra

Por 11 Abril, 2022Sin comentarios

A Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo decidiu por unanimidade na súa asemblea anual nomear a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, como madriña de honra, xunto co xornalista Fernando Ónega, que foi recoñecido como padriño de honor. Este colectivo valora o nomeamento da rexedora en función “das múltiples colaboracións e o apoio incondicional e constante coas formulacións deste colectivo”.

A alcaldesa agradece este xesto e asegura que “é unha enorme motivación para seguir traballando con forza e ilusión en aras de impulsar proxectos e actuacións que atendan as necesidades dos maiores de Lugo, que representan nada menos que o 21% do total da nosa poboación”.

Méndez lembra o contacto permanente que mantén coa xente de máis idade do municipio e cos colectivos que os representan co obxectivo de coñecer de primeira man os seus problemas e poder responder as súas demandas, “contactos que nos levou a por en marcha programas como ‘Acompañámoste’, de atención ás persoas maiores que viven en soidade e que inclúen accións de seguimento pero tamén para detectar, a través das redes de barrio, os casos que aínda descoñecemos, así como outras accións de apoio”.

Lara Méndez realizou estas declaracións durante a visita que realizou, acompañada da edil de Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores, Olga López Racamonde, ás persoas participantes nunha das xornadas dos cursos Xestións Dixitais para maiores de 65 anos e Trámites coa administración.

O encontro tivo lugar no centro de convivencia Maruja Mallo, onde se clausuraba a segunda convocatoria da acción formativa. A rexedora incidiu na importancia “de seguir traballando para diminuír a fenda dixital existente, formando e achegando ferramentas aos maiores que lles poidan axudar a entender os trámites online, así como o uso de bancas dixitais para todo aquel que teña dificultades para acceder a servizos de utilidade no día a día”.

Unha das participantes comentou que foi durante o confinamento cando se decidiu a comprar un smartphone e poñerse “ao choio” na aprendizaxe do seu uso non só para relacionarse, senón porque tamén, os trámites son cada vez máis dixitais.