Skip to main content
Sarria

O Grupo Xacobeo de Sarria organiza unha nova ruta para Semana Santa

Por 10 Abril, 2022Sin comentarios

O Grupo Xacobeo de Sarria organiza unha nova ruta en Semana Santa. Nesta ocasión a viaxe será a Pontevedra. Realizarán a ruta da pedra e da auga, visitarán Armenteira e o Pazo Quinteiro da Cruz. Pódese reservar praza ata o 14 de abril.

Pola mañá, os asistentes percorrerán a ruta da Pedra e da Auga que transcorre polos concellos de Ribadumia e Meis. Unha ruta de 8,5 km con gran valor etnográfico na que se encontran un gran número de muíños restaurados. O comezo da ruta encóntrase ó lado da oficina de turismo de Ribadumia, e finaliza no Mosteiro da Armenteira. Esta ruta está composta por 51 muíños que seguen a marxe fluvial do rio Armenteira. Un espazo natural que resulta ser un paseo único polo seu entorno, pola súa riqueza paisaxística e pola súa riqueza natural que, ademais de formar parte da historia, está chea de lendas, ditos e adiviñanzas.

Ao longo da ruta atópase a Aldea de Pedra que representa a escala real e en granito as esceas da vida rural galega a comezos do século XX. Está formada por elementos tradicionais, coma un piorno de seis pés, cun reloxo de sol e cunha cruz artística, unha capela, un carro de vacas, unha cociña de pedra, unha fonte circular, etc.

A comida do mediodía será nun furancho típico da zona e pola tarde visitarase o Pazo Quinteiro Da Cruz, rodeado de fermosos xardíns, onde florecen especies de alto interese botánico e ornamental, con plantacións de camelias, de té, bosque e viñedos de uva albariña. Para finalizar a visita haberá unha degustación de produtos do Pazo.

Esta excursión será o 17 de abril e contará cunha saída dende Sarria ás 6.00 horas e de Lugo ás 6.30 horas.

O prezo para socios é de 47 euros mentres que para os non socios é de 49 euros. Este inclúe desprazamento, entrada e degustación no pazo, comida e seguros.