Skip to main content
Lugo

Tomé renova o compromiso da Deputación co Campus Terra

Por 3 Maio, 2022Sin comentarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, reafirmou o seu compromiso coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Facultade de Veterinaria do Campus Terra cunha visita ás instalacións deste centro de referencia nacional e internacional en canto a formación e investigación. O mandatario provincial estivo acompañado na visita polo decano da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, Gonzalo Fernández Rodríguez; o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e a vicedecana da facultade, María Isabel Quiroga Berdeal.

Tomé Roca coñeceu o traballo realizado polo grupo de investigación de Control de Parásitos en Animais e Persoas (COPAR) e de Anatomía Patolóxica Veterinaria (GAPAVET), que centra a súa investigación principalmente na acuicultura. Tamén visitaron instalacións innovadoras nas que o alumnado completa a formación teórica, como a aula de necropsias, instalada nun dos edificios da facultade, onde puideron ver ao alumnado realizar algún destes traballos.

“Dende a Deputación de Lugo queremos que os universitarios e universitarias que chegan a Lugo queden na provincia e por iso traballamos da man da USC, pero especialmente do Campus Terra, con proxectos tan importantes como a Granxa Experimental de Leite na finca provincial Gayoso Castro, na que cada ano medio milleiro de alumnos completan a súa formación con prácticas reais”, destacou o Presidente.

O Presidente lembrou tamén a boa sintonía e a importante colaboración da Deputación de Lugo coa Universidade de Santiago de Compostela, especialmente dende a posta en marcha do Campus de Lugo. “A institución provincial foi clave para crear o Campus de Lugo, e continuou sendo clave para manter, para mellorar e para ampliar a súa actividade. Hoxe somos a Deputación de España que fai unha maior achega económica á Universidade pública, o que demostra o noso nivel de compromiso co ensino superior público, universal e de calidade”, destacando o seu valor como unha ferramenta imprescindible para a igualdade de oportunidades e para un desenvolvemento social e económico sostible e equilibrado.