Skip to main content
Lugo

O pleno de Lugo validará o 5% restante do PXOM

Por 6 Xuño, 2022Xuño 7th, 2022Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndes e o edil de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos, avanzaron que esta semana a Xunta de Goberno local validará a parte do proxecto de revisión do PXOM relativa á subsanación das apreciacións sinaladas pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Así, a aprobación definitiva e completa do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo entrará esta semana na súa fase final.

“É, sen ningún tipo de dúbidas, un fito para o crecemento racional e sustentable do municipio, que permitirá o desenvolvemento de todo ese chan que arrastraba unha década de incertezas administrativas, freando o aproveitamento do territorio, dunha forma moi significativa no ámbito rural, pero tamén coartando a súa expansión industrial”, sinalou a rexedora.

Lara Méndez indicou que, “tras moitos meses de traballo conxunto e permanente coa Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a última documentación presentada polo equipo redactor foi informada favorablemente hai tan só uns días nun documento conxunto asinado polos Servizos Municipais de Arquitectura, Enxeñería, Arqueoloxía e Medio Ambiente. Nel, “aválanse as concrecións realizadas en 11 ámbitos de actuación, 6 deles situados en zonas de expansión, 1 en solo rústico e en 4 urbanizables”, matizou.

Méndez lembrou que as zonas afectadas pola parte aínda inconclusa do Plan ascenden a un total de 70 núcleos rurais das parroquias (21) de Teixeiro, Mazoi, Santa María de Muxa, San Salvador de Muxa, San Pedro de Muxa, Tirimol, Ombreiro, Vilachá de Mera, Adai, Pedreda, Santa María de Bóveda, Alta, Alto, Piúgos, Esperante, San André de Castro, Coeo, Coeses, Lamas, Mera e Piñeiro.

“Esta aprobación permitirá, só no rural, o desenvolvemento de 915.000 m2 de solo urbanizable delimitado e doutros 985.000 m2 de chan urbanizable delimitado periurbano cunha capacidade de uso residencial para 7.750 vivendas, das que un 35% serán públicas”, explicou a rexedora. Esto posibilita a transformación de 1.364.000 m² máis de solo urbanizable industrial para a implantación de actividades económicas.

“Será, por tanto, un revulsivo para o tecido produtivo local que reactivará os sectores vinculados á construción pero que tamén permitirá a moitas empresas asentarse e ampliar as súas instalacións e a moitas familias atopar postos de traballo e un lugar axeitado para establecerse”, salientou a rexedora.

Lara Méndez referiu, así mesmo, que a aprobación do 5% do PXOM permitirá a creación de sistemas xerais e dotacións locais que se materializarán en servizos a disposición da comunidade. Entre eles máis de 412.000 metros cadrados destinaránse a equipamentos e dotacións, preto de 950.000 m² a espazos verdes e 78.000 metros cadrados a viarios para a interconexión do territorio.

Lara Méndez deu conta tamén de que unha vez aprobado este 5% do PXOM nun Pleno Extraordinario, o vindeiro 17 de xuño, o expediente se remitirá á Xunta de Galicia para que proceda ao seu exame coa finalidade de que emita o seu informe perceptivo e vinculante.

“De ser favorable o informe, permitirá a aprobación definitiva por parte do Concello poñendo fin a un periplo de dez anos cuxa conclusión marcará un antes e un despois para o urbanismo lucense”.

Pola súa banda, o concelleiro de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos, fixo fincapé en que as determinacións adoptadas “gardan relación coa definición da capacidade residencial dalgunhas zonas ou da superficie dalgún sector urbanizable e de actividade industrial, ao tempo que se concretan delimitacións de sectores, alén de incorporar as zonas inundables”.

Sinalou, como exemplo, as consecuencias tan positivas que terá para a superficie colindante ao HULA, “onde se prevé un importante desenvolvemento residencial e de servizos complementario ás instalacións sanitarias”.