Skip to main content
Lugo

Veciños de Lugo uníronse á concetración do Foro do Camiño Primitivo

Por 6 Xullo, 2022Sin comentarios

O Foro do Camiño Primitivo volveuse reunir este luns, 4 de xullo, diante da porta de San Pedro, para amosar o seu rexeitamento ás obras que se desenvolven na Ronda da Muralla co Camiño Primitivo.

O colectivo considera estas obras “froito da especulación urbanística e que supoñen un grave impacto irreversíbel a dous dos Patrimonios da Humanidade que temos na cidade de Lugo, o Camiño Primitivo e a Muralla”.

O Carril das Flores na confluencia coa Ronda da Muralla é un lugar de sumo valor histórico e arquitectónico para a cidade, lembra o Foro, quen resalta que a Porta de San Pedro é unha das antigas portas de orixe romana que comunicaban a cidade co resto do imperio.

“As edificacións preexistentes na mazá xunto coas últimas derrubadas, que a propiedade permitiu que se convertesen en ruína coa permisividade de Patrimonio da Xunta e do Concello de Lugo, formaban un conxunto típico das arquitecturas tradicionais dos séculos XVIII e XIX. Eran casas de baixo e dúas ou baixo e tres plantas, que convivían en harmonía coa Muralla e co Camiño Primitivo”, considera o colectivo.

Para o Foro do Camiño Primitivo a ordenación urbanística prevista polo Concello “non é nada respectuosa coa Muralla e o Camiño Primitivo”. Entre outros motivos, consideran que os edificios previstos, que superarán a altura da Muralla “afogándoa e empequenecéndoa”, minguarán a súa percepción dende a rúa San Roque e suprimindo a visión dos Ancares, “mencionada na declaración de conxunto histórico de Lugo de 1973.

Asemade, o colectivo avanza que se desvirtuaría “esta vía histórica á súa chegada á Muralla”, ao quedar flanqueada por dous muros e aumentaría a pendente do Carril das Flores ou Camiño Primitivo, dificultando camiñar por el e xerando riscos de accidentes.

O Foro do Camiño Primitivo solicita a implicación dos grupos políticos municipais para atopar unha solución alternativa “á desorbitada edificabilidade aprobada”. Ademais solicitan, do Concello e da Xunta, que asuman a súa responsabilidade como guardiáns de bens patrimoniais universais e que “se entenda que hai que protexelos e transmitilo ás vindeiras xeracións”.

Como fin último, piden a paralización das obras de urbanización, difíciles de reverter e que se redacte un novo proxecto, dende o interese xeral, que poña en valor a confluencia do Camiño coa Muralla Romana. Queren, asemade, que se inclúa a substitución da plataforma construida sobre o Camiño Primitivo, por unha alternativa respectuosa co mesmo e que se incorporen no proxecto espazos ou zonas verdes públicas, acordes coa significación deste lugar.