Skip to main content
Sarria

Un traballador da residencia de maiores de Sarria deberá ser indemnizado

Por 21 Setembro, 2022Setembro 23rd, 2022Sin comentarios

Tal e como queda reflectido nunha sentenza publicada no Xulgado do Social Nº 4 de Lugo, a residencia de maiores Nosa Señora do Carme do concello de Sarria terá que indemnizar a un dos seus traballadores cunha cantidade superior aos 1.500 eur en concepto de complemento de incapacidade temporal.

En xuño do ano 2020 de forma unilateral o concelleiro responsable da residencia, o señor Escontrela, tomou a decisión de non abonar os complementos en caso de Incapacidade Temporal que levaban mais de 10 anos cobrando os traballadores. Esta decisión foi posteriormente recorrida polo Comité de Empresa e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditaba sentenza en outubro de 2021 recoñecendo o dereito destes traballadores e traballadoras da residencia de Sarria a cobrar o complemento en situación de Incapacidade Temporal.

Mais unha vez recoñecido dito dereito o concello de Sarria non abonou as cantidades adebedadas de forma ilegal aos traballadores que estiveron en situación de Incapacidade Temporal durante o período entre a decisión e a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza Galego, senón que as persoas afectadas víronse na obriga de ter que acudir novamente ao xulgado do Social para poder cobrar esas cantidades.

Dende a CIG denunciaron en varias ocasións as políticas de recortes e discriminación que o concello de Sarria aplica sobre o persoal desta residencia, políticas ademais que segundo afirma o sindicato, foron incrementadas e alentadas durante a presente lexislatura polo Goberno Municipal.

“Lamentamos que unha Administración Pública como é o concello de Sarria penalice o traballo do persoal dunha residencia con penalizacións económicas como neste caso o impago do complemento por Incapacidade Temporal”, afirman membros do sindicato.

Esta sentenza condenatoria corresponde ao prazo comprendido entre os meses de xaneiro e outubro de 2021.