Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Alcoa quere voltar a usar fuel para a produción de alúmina ante o elevado prezo do gas

Por 17 Novembro, 2022Sin comentarios

Adega vén de informar que a multinacional americana Alcoa “quere voltar a usar fuel para a produción de alúmina ante o elevado prezo do gas e pide á Xunta superar os límites de emisións de contaminantes, particularmente óxidos de xofre e nitróxeno, fixados na última Autorización Ambiental Integrada (AAI)”.

Logo de que en 2015 a empresa substituira o fuel por gas natural no seu proceso produtivo, particularmente nos fornos de calcinación para a produción de alúmina, “agora solicita unha modificación substancial da AAI porque as tensións comerciais e regulatorias que existen hoxe no mercado nacional e internacional de gas natural … con prezos en máximos históricos están a afectar moi significativamente ao custo da produción de Alúmina Española e provocando perdas millonarias”.

Cómpre lembrar que a substitución por parte de Alcoa en 2015 do fuel, “un combustible moi contaminante polas súas elevadas emisións de óxidos de xofre (SO2) e nitróxeno (NOx) non foi unha concesión da empresa no seu firme compromiso coa sostenibilidade e a búsqueda da mellora continua” como din na súa solicitude, senón unha obriga imposta pola Directiva 2010/75/UE sobre Emisións Industriais, concretada da Lei 5/2013 e no RD 815/2013 que regulamenta as emisións industriais.

Estas normas establecían límites moito máis estritos para a emisión de contaminantes, particularmente óxidos de xofre (SO2) e nitróxeno (NOx), nos procesos industriais de xeración de calor e electricidade con combustíbeis fóseis, polo que tanto ALCOA como moitas outras empresas que queimaban carbón ou fuel, tiveron que paasarse ao gas.

A empresa pretende agora recuperar o fuel como combustible en tres fornos de 147 MW cada un para a calcinación da alúmina. Na actual AAI, os valores máximos de contaminantes fixados nestes procesos para os óxidos de xofre e nitróxeno son 35 mg/Nm3 para o SO2 e 450 mg/Nm3 para NOx. Co paso a fuel, pasarían a emitir 1700 mg/Nm3 e 615 mg/Nm3 respeitivamente; isto é un 4.757% máis para os óxidos de xofre e un 35% máis para os óxidos de nitróxeno.

“Dase a circunstancia ademais que a Xunta xa lle permitira a Alcoa superar o límite de emisión de NOx, establecido no RD 815/2013 e fixado en 200 mg/Nm3”, din dende Adega, “agora Alcoa pide novamente a graza de superar este valor para o nitróxeno, e a maiores disparar tamén a contaminación por óxidos de xofre até 1.700 mg/Nm3, moi por riba do límite legal de 250 mg/Nm3”.

“Curiosamente Alcoa opta a poder financiarse cos fondos do PERTE (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia), uns 3.000 millóns de euros do Goberno español para descarbonizar a industria electrointensiva, particularmente a do aceiro e do aluminio”, engaden “así que por unha banda, a empresa pretende pagar con fondos públicos a súa descarbonización e por outra intensificar a súa emisión de gases contaminantes. O aluminio verde que din van producir semella pois bastante marrón, ou vermello, como as lamas da súa inmensa balsa tóxica que tamén pretenden ampliar”.

“A Xunta pregouse recentemente ás demandas de Alcoa e permitíulle na AAI de 2020 superar os límites de contaminantes fixados pola normativa europea para o flúor e as partículas, coa excusa de aforralle custos de produción e evitar despedimentos”, din, “agora a guerra na Ucraína dá a Alcoa a excusa perfecta para reducir custos, e seguir a cargar sobre o ambiente e a saúde da cidadanía a imensa débeda ambiental xerada pola empresa en máis de 40 anos na Mariña”.