Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

A lonxa de Burela acolleu a máis de 80 alumnos de primaria na xornada Peque-peixe

Por 19 Novembro, 2022Sin comentarios

A lonxa de Burela acolleu unha nova xornada de Peque peixe,  un proxecto que ten como obxectivo formar aos nenos na terminoloxía mariñeira  e pesqueira en galego e está organizada pola Organización de Produtores  Pesqueiros do Porto de Burela en colaboración con Armadores de Burela. 

No acto participaron 83 nenos e nenas de 8 e 9 anos de 3º e 4º de Educación  Primaria de tres colexios públicos da comarca: CEIP Virxe do Carme de BurelaCEIP Península da Paz de San Cibrao e CEIP Fondo Nois

A xornada comezou cunha visita á lonxa ABSA de Burela, onde os pequenos  aprenderon a diferenciar as principais especies pesqueiras e as etiquetas do  peixe fresco. 

Xa no salón de actos de ABSA, coa presenza do director xeral de Pesca,  Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Antonio Basanta, os  alumnos descubriron curiosidades sobre “A lingua do mar”, coñecendo algúns  termos propios da linguaxe mariñeira e diferentes nomes de peixes. 

A empresa galega Sinerxia presentou e entregou aos nenos as unidades  didácticas ‘Peque Peixe’ elaboradas para a idade de 8-9 anos sobre “O medio  mariño e os seus habitantes”, nas que se dan a coñecer aspectos como as  profesións mariñeiras, as artes de pesca, a bioloxía do mar ou os tipos de peixes. 

A xornada terminou cunha sesión de “Xogando na lonxa”, na que os pequenos  tomaron a lonxa de Burela para realizar diferentes xogos. A clase de 4ºA do  colexio Virxe do Carme levou un lote de libros sobre o mar, a pesca e os seus  habitantes para a biblioteca do centro educativo. 

Esta xornada didáctica enmárcase nas accións de promoción da OPP-7 incluídas  no seu plan de produción e comercialización anual, e conta co cofinanciamento  da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca.