Skip to main content
Sarria

Isabel Rodríguez destaca en Sarria a importancia da prevención contra a violencia de xénero

Por 10 Novembro, 2022Novembro 11th, 2022Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, informou que o Concello de Sarria é a nova parada do proxecto “MAVI: a Maleta Viaxeira contra a Violencia de xénero”, a iniciativa do Goberno que nace para achegar recursos formativos en igualdade e contra a violencia machista na provincia.

A subdelegada destacou que MAVI “busca promover, entre os veciños e veciñas, un espazo no que a cidadanía reflexione, fomentando un pensamento crítico ante os estereotipos e roles de xénero que perpetúan a sociedade”.

Isabel Rodríguez, acompañada do alcalde de Sarria, Claudio Garrido, da concelleira de Igualdade, María Eugenia Valcárcel López, e da xefa da unidade de violencia de xénero da Subdelegación, María Luisa Castro, presentou na Casa do Concello o proxecto co que a Subdelegación achega libros de diferentes temáticas relacionadas co feminismo, a igualdade, o empoderamento, a autoestima ou a violencia de xénero ás veciñas e veciños da provincia. “Son textos que axudan a concienciar e sensibilizar en igualdade para que a sociedade no seu conxunto comprenda que a violencia de xénero debe ser erradicada das nosas rúas, dos nosos pobos e das nosas cidades”, sinalou.

Durante o acto, a subdelegada advertiu que Sarria conta, actualmente, “con 25 casos activos do Sistema de seguimento de violencia de xénero. As institucións públicas temos o deber de eliminar calquera tipo de violencia contras as mulleres. E temos que facelo xuntas, sumando esforzos e traballando da man, para ofrecer ás vítimas unha resposta rápida e eficaz”, subliñou Rodríguez quen agradeceu ao Concello a súa colaboración con este proxecto, que permanecerá un mes no municipio.

Isabel Rodríguez explicou que, coa de Sarria, son dúas as maletas que percorren a provincia, xa que o Concello de Viveiro leva semanas traballando con este material que continuarán a súa viaxe polos centros penitenciarios, centros de información á muller, asociacións de mulleres vítimas de violencia de xénero e servizos sociais dos municipios que soliciten a maleta.

A Maleta Viaxeira é unha iniciativa promovida pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación no marco do programa de actividades arredor do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista.

Libros para tódalas idades

Nesta primeira etapa, a maleta conta con doce libros infantís, xuvenís e para adultos, co obxectivo de que non so as mulleres e homes, senón as persoas máis novas sexan as protagonistas do proxecto. Así mesmo, a maleta contén un diario de viaxe no que as persoas que participen no proxecto poden compartir as súas reflexións sobre as lecturas.

Ademais, os municipios polos que pasará a maleta poden incluír aquelas obras escritas ou protagonizadas polas mulleres do concello, co obxectivo de visibilizar o traballo e as historias das mulleres da provincia.