Skip to main content
Triacastela

O Concello de Triacastela irmándase coa Freguesía de San Pedro de Rates

Por 21 Novembro, 2022Novembro 22nd, 2022Sin comentarios

A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, vén de asinar un protocolo de irmandade entre o municipio do que é rexedora e a Freguesía de San Pedro de Rates, en Póvoa de Varzim (Portugal), cuxa rúbrica correo a cargo do seu presidente, Paulo João Lopes da Silva.

No texto, asinado en Portugal esta fin de semana, comprométense a manter relacións de amizade, unión e fraternal irmandade para conseguir o progreso, o desenvolvemento e o benestar de ambos.

O protocolo apoia a organización de encontros culturais e artísticos que redunden na formación integral de ambos pobos.

Busca posibilitar o intercambio de experiencias, iniciativas e solucións aos seus problemas comúns, coa fin de lograr un coñecemento recíproco máis amplo que sexa fundamento dos intercambios, da difusión recíproca dos seus atractivos e recursos turísticos, e dos proxectos a desenvolver (accións promocionais, culturais, e comerciais das súas respectivas áreas de influencia).

Establécese tamén o feito de prestar o máximo apoio e colaboración naquelas iniciativas de alianza estratéxica entre empresas de ambas as partes, e promover accións que contribúan a intensificar as relacións económicas e empresariais.

Así coma ofrecer fórmulas participativas que permitan sumar esforzos na execución de proxectos comúns nos ámbitos culturais, sociais, educativos, empresariais, comerciais e turísticos.

Así mesmo, ambas as institucións comprométense a colaborar para fortalecer as relacións inspiradas na igualdade, a paz e a prosperidade.

Posta en valor das rutas xacobeas

Por ambos pobos pasa o Camiño de Santiago, por Triacastela o Camiño Francés e pola Freguesía de San Pedro de Rates o Camiño Portugués, polo que a xente destes pobos é sensible a acollida e hospitalidade do peregrino, polo que se comprometen a establecer relacións e actividades que poñan en valor estas Rutas Xacobeas.

As relacións baseadas no Camiño de Santiago abranguerán tamén o fomento mutuo do rico patrimonio cultural xacobeo vencellado a ambos territorios. Triacastela, xa mencionada na obra medieval de referencia do mundo xacobeo, o Codex Calixtinus, posúe un patrimonio propio ó respecto. E o mesmo sucede con Rates, cuxa excepcional igrexa está situada no lugar onde se encontrou o corpo de San Pedro de Rates, ordenado bispo, segundo a tradición, polo propio Apóstolo Santiago.

Compromisos

O protocolo recolle que cada unha das localidades porá un cartel no que se dea conta da irmandade, ó tempo que se comprometen a dedicar o nome dunha vía pública co nome do pobo irmandado.

Cada catro anos visitarase a localidade irmandada e realizarase un programa de actos con motivo da irmandade. Así mesmo, para valor polo protocolo, estableceuse un consello permanente de irmandade, composto polos gobernantes dos dous pobos representados o día da sinatura e de outros dous membros designados por eles, un de cada lugar.