Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

O PSdeG reclámalle á Xunta que se comprometa coa actividade agraria

Por 26 Decembro, 2022Sin comentarios

O Grupo Socialista galego, tomando man do novo Plan Hidrolóxico elaborado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para o período 2021-2027, reclámalle á Xunta que se comprometa a recuperar a actividade agraria do Val de Lemos e acompañe aos traballos do goberno do Estado para modernizar o seu regadío.

A Confederación Hidrográfica, dependente do Goberno central, inicia este proceso para a mellora dos sistemas de regadío que afectan aos municipios do Val de Lemos

Así, Martín Seco, do PSdeG, esixe á Xunta de Galicia que aporte o seu traballo para recuperar e mellorar esta infraestrutura, forme unha mesa de traballo coa comunidade de regantes e inicie un plan de reactivación da actividade agraria no Val de Lemos para aumentar a superficie agraria útil deste territorio.

O novo Plan Hidrolóxico

O novo Plan asigna ao regadío do Val do Lemos 11,83 hectómetros cúbicos de auga ao ano, mentres que o consumo anual previsto nos seis municipios do Val do Lemos con leiras regables ou con terreo xunto ao encoro non pasa dos 4,12 hectómetros cúbicos. Polo que o potencial de consumo de auga de regadío é case tres veces maior que as necesidades de consumo doméstico, comercial e industrial dos municipios aos que afecta.

No territorio que forma parte do radio de acción do regadío Val de Lemos, o 75% deste consumo urbano absórbeo o municipio de Monforte con case 3,3 hectómetros cúbicos de auga ao ano, o resto das localidades da área de influencia móvense en cifras de consumo de auga similares.

Bóveda e Sober teñen asignados 0,23 hectómetros cúbicos, Pantón e O Incio 0,22 cada un e A Pobra do Brollón 0,12.

O municipio de Chantada necesita 0,67 hectómetros cúbicos para usos urbanos e o de Quiroga 0,20.

Porén, Seco explica que “aínda que ese consumo de auga para usos agrarios pareza moito, é bastante menor do que os usuarios do regadío tiñan autorizado cando no 2006 se legalizou a súa asociación de regantes”.

Naquel momento, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil asignara o desvío ás canles desta infraestrutura un máximo de 21,25 hectómetros cúbicos procedentes
fundamentalmente do tramo embalsado pola presa de Vilasouto, pero tamén do Cabe nos ramais de rega próximos a este río.

Os regantes adoptaran naquel momento o compromiso de optimizar o uso da auga para reducir progresivamente o seu consumo. O obxectivo naquel momento era reducir ata os 13 hectómetros cúbicos a auga necesaria para regar.

Catorce anos despois, ese obxectivo foi conseguido por unha aplicación de controis máis rigorosos no uso da auga pero tamén “pola preocupante redución do número de leiras que necesitan deste regadío”, di Seco.

Desenvolvemento do proxecto de reactivación da agricultura

Para poñer en marcha unha folla de ruta que achegue solucións aos principais problemas da actividade agraria e ao aproveitamento sostible da auga por parte da comunidade de regadores do Val de Lemos, iniciouse o proxecto de reactivación da agricultura na comarca de Monforte que puxo en marcha a Confederación Hidrográfica Miño-Sil co soporte técnico da Universidade de Santiago.

Un plan integral de aproveitamento agronómico do regadío Val de Lemos que trata de sacarlle proveito dunha vez por todas a esta infraestrutura de rega, que suma xa medio século de existencia e que nunca chegou a funcionar como se supoñía que debía facelo.

Este plan foi encargado a persoal especializado do Campus Terra da USC, que con 290.000 euros financiará a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica que avaliará a zona dende o punto de vista legal, económico, social, produtivo e estrutural e incluirá unha análise precisa dos problemas principais actuais e futuros.

Ademais, establécese que no estudo se contemplará unha proposta de actuacións a realizar, cunha estimación de custos económicos e unha listaxe das entidades que deberían participar na aplicación das conclusións.

Neste proceso, as entidades involucradas garanten que terán en conta como valor esencial, a participación dos actuais usuarios deste regadío tanto no diagnóstico de situación como na proposta de solucións.

Servizo de regadío di século XX

O PSdeG critica que o servizo de regadío iniciouse a mediados do século XX e que viu “como desaparecían boa parte das leiras dedicadas a uso agrario pola falta de políticas activas en materia de mobilización de terra agraria que non desenvolveron os sucesivos gobernos do Partido Popular na Xunta de Galicia”.

Este sistema debe de dar servizo a unhas 5.000 Ha, pero “só actúa nunhas 600 pola falta de políticas de concentración de terras neste entorno”, explican.

Coa situación xurdida pola guerra de Ucraína, segundo o PSdeG, hai “a necesidade de que os nosos gandeiros puideran ter unha maior capacidade de autoabastecemento de cereais”, XA QUE Galicia segue á cola de España e Europa en superficie agraria útil.

Ademais, din que “se viu comprometida a alimentación do gando nos primeiros momentos do conflito e como agora as explotacións teñen serias dificultades polo custo desta materia prima”.