Skip to main content
MonforteO Incio

Monforte acolle a sexta edición do Foro Territorio Patrimonio

Por 21 Decembro, 2022Decembro 22nd, 2022Sin comentarios

A 1ª Tenente de alcalde, Gloria Prada, acompañada polo Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, foi a encargada de abrir a sexta edición do Foro Territorios Patrimonio, que se celebra no Parador de Turismo de Monforte.

No acto inaugural, no que tamén participaron a Directora Xeral de Patrimonio, Mª del Carmen Martínez Ínsua, e o director de dito Foro, Carlos Montilla, a Tenente de alcalde fixo un repaso polo rico patrimonio que posúe a cidade de Monforte.

Tamén defendeu a riqueza paisaxística e artística da Ribeira Sacra e “que son as nosas sinais de identidade e un poderoso reclamo turístico, arredor do que articulamos unha oferta turística e cultural de calidade, sostible, non masificada e de experiencias”.

No seu repaso, destacou a importancia e a idoneidade do enclave onde se celebra este Foro, o Conxunto Monumental de San Vicente, que está “encadrado dentro do Conxunto histórico de Monforte de Lemos, declarado Ben de Interese Cultural en 1973”, e no que ademais do Parador destaca a Torre da Homenaxe.

Importancia da Ribeira Sacra

Tamén a Tenente de Alcalde reivindicou o papel esencial que dentro do patrimonio paisaxístico da Ribeira Sacra aporta o Miradoiro do Duque, “situado xusto encima do embarcadoiro Ponte do Sil, de onde saen os catamaráns da Deputación de Lugo, elementos cos que podemos descubrir a beleza e a maxestuosidade e o valor inmaterial dos viñedos da Ribeira Sacra, fronte a Castro Caldelas”.

Tamén aludiu a que na Ribeira Sacra se atopa a maior concentración de Románico rural de toda Europa, “aspecto este que foi posto en valor nos últimos anos pola Deputación de Lugo, e que supón un reclamo de primeira índole para as persoas que nos visitan”.

A representante municipal concluíu incidindo en que “todas estas son as nosas sinais de identidade e un poderoso reclamo turístico, arredor do que articulamos unha oferta turística e cultural de calidade, sostible, non masificada e de experiencias”.

E subliñou que “dende o Equipo de Goberno do Concello, creemos que as diferentes administracións e asociacións debemos aunar esforzos para acadar o noso obxectivo prioritario, que é que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO”.

Aldeas modelo

Neste evento, Inés Santé trasladou que das 21 aldeas modelo actualmente aprobadas en Galicia, cinco pertencen á provincia de Lugo.

Trátase das de Trascastro (O Incio), Parada dos Montes (A Pobra do Brollón), Moreda (Folgoso do Courel), Bustelo de Fisteus (Quiroga) e Francos de Proendos (Sober). E salientou que estas dúas últimas (as situadas nos municipios de Quiroga e Sober) encádranse precisamente na Ribeira Sacra, unha área xeográfica que centra os contidos desta edición do Foro Territorios Patrimonio.

Nesta liña, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural puxo en valor que ambas aldeas modelo supoñen, en conxunto, a recuperación de preto de 26 hectáreas (unhas 13 ha cada unha, aproximadamente), distribuídas nun total de 388 parcelas (269 a de Quiroga e 119 a de Sober) de 108 propietarios, dos cales 38 corresponden a Bustelo de Fisteus e os 70 restantes a Francos de Proendos.

No caso da aldea de Quiroga, está publicada a concorrencia competitiva (para a súa xestión) e pendente de resolverse. E no que atinxe á de Sober, está a exposición pública o proxecto de ordenación produtiva.

VI Foro Territorios Patrimonio

A sexta edición deste foro acolle mesas redondas, visitas á zona e unha cata de viño, todo elo arredor da riqueza patrimonial do sur da provincia de Lugo, e abordando de temas como a experiencia entre territorios, a paisaxe patrimonial ou o rural.

O Foro Territorios Patrimonio é un foro internacional que cada ano reúne na Ribeira Sacra a algunhas das voces máis lúcidas do momento en cuestións como patrimonio, turismo sostible e futuro vitivinícola.

Un programa de conferencias e actividades dirixidas a profesionais da cultura, estudantes e público xeral con interese en profundar nos retos e oportunidades da Ribeira Sacra nunha contorna internacional. Así, o foro convértese en centro de debate e catalizador das tendencias de presente e futuro.

Entre os temas que se abordan destacan o relacionado co proceso e situación da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, sobre cómo xerar sinerxías entre territorios, sobre experiencias Patrimonio da Humanidade dende a perspectiva dos valores paisaxísticos e patrimoniais, sobre habitar o patrimonio ou sobre territorios rurais.