Skip to main content
Sarria

A CIG considera “de extrema gravidade” a xestión da residencia de Sarria por parte de Escontrela

Por 26 Decembro, 2022Sin comentarios

A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de denunciar as informacións traladadas desde o Concello de Sarria con respecto a que o edil Benjamín Escontrela tivera contratados os “servizos dun detective para espiar a traballadoras da residencia municipal Nosa Señora do Carme durante a situación de baixa laboral”.

Explican que, ademais, esa situación é unha “paradoxa”, porque Escontrela é médico de profesión, pero non lles chama a atención, xa que defenden que levan denunciando a “nefasta e neglixente xestión da residencia en conxunto e en particular”, polo que entenden o cese de Benjamín Escontrela.

Porén, tamén manifestan que esta decisión “chega tarde”, e que “por desgraza obedeceu a criterios de natureza política”, xa que a xestión de Escontrela foi “obxecto de continuas controversias durante a presente lexislatura”, explican.

Por outra parte, destacan que tamén, durante a xestión de Escontrela, retirouse o complemento de IT ás traballadoras e traballadores, unha decisión ilegal, xa que foi ratificado como tal polo TSXG e foi condeado por vulnerar o dereito de conciliación.

A CIG esixe así ao Goberno Local de Sarria que actúe contra Escontrela polos feitos “extremadamente graves e impropios da actuación dunha Administración Pública”, e piden que se esclarezan con “pelos e sinais” os feitos acaecidos.