Skip to main content
Triacastela

As Casas do Maior de Triacastela cumpren un ano en funcionamento

Por 15 Decembro, 2022Decembro 16th, 2022Sin comentarios

Hai un ano que se puxeron en funcionamento as tres Casas do Maior de Triacastela, unhas instalacións novas que son un servizo fundamental para garantir un envellecemento digno e acorde ás necesidades de cada persoa.

Tamén son lugares onde os veciños se poden reunir, crear veciñanza, facer actividades e estar en compañía nun entorno rural. Pequenos centros de día que permiten que os municipios que non contan con este tipo de servizo poidan ofrecer terapias e actividades aos maiores dentro da súa contorna.

Cada unha delas ten cabida para 5 persoas, polo que a atención é personalizada e individual, onde as residentes teñen atención individualizada e actividades personalizadas.

En concreto, a Casa do Maior Xeroser, rexentada por Erica, atópase no mesmo municipio de Triacastela no baixo do restaurante Vilasante. As instalacións contan con espazos adaptados para que sexa cómoda para aquelas persoas que teñan mobilidade reducida.

No caso da Casa do Maior “Escola de Vilar”, rexentada por Mari Carmen Doval Núñez, sitúase na parroquia de Vilabella en Triacastela e comparte espazo co centro social, aínda que son instalacións independentes e conta cun ximnasio, cociña, sala de descanso, baños adaptados e unha oficina.

A terceira é a Casa do Maior Prado na parroquia de Folgueiras de Triacastela, rexentada por Marta Silvosa, cuxas instalacións contan con equipamento xeriátrico homologado, sala de estar e comedor con televisión. 

Ademais de todo isto, as persoas usuarias poden contar con transporte gratuíto financiado pola Xunta de Galicia e servizo de manutención, cuxo prezo é de 5 euros diarios, que inclúen almorzo e xantar ou xantar e merenda.

A Xunta destaca os coidados de proximidade, a dedicación e profesionalidade das Casas do Maior

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou “os coidados de proximidade, a dedicación e a profesionalidade” que reciben os maiores de Triacastela nas tres casas do maior na súa visita ás instalacións.

O director xeral apuntou que as casas do maior, ademais dun servizo para a atención sociosanitaria, son lugares de encontro que tamén axudan a evitar situación de soidade non desexada entre os maiores.

Así mesmo, lembrou que nelas se atenden a un máximo de cinco persoas durante oito horas diarias de luns a venres, coa posibilidade de que estas poida escoller o horario de asistencia que mellor se adapte ás súas necesidades.