Skip to main content
Sarria

O alcalde de Sarria acusa á oposición de “poñer en risco os usuarios da residencia de maiores” ao votar en contra dos orzamentos

Por 29 Xaneiro, 2023Xaneiro 30th, 2023Sin comentarios

Continúan as trifulcas no Concello de Sarria e desta vez foi o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, o que cargou con dureza contra os concelleiros do PP, PSOE e Benjamín Escontrela tras votar na Comisión Especial de Contas en contra da modificación da ordenanza reguladora dos prezos públicos da Residencia de Maiores Nosa Señora do Carme.

Este feito, xunto coa abstención do BNG, impedirá aprobar o orzamento no pleno, por iso Claudio Garrido acusou aos oito edís que se opuxeron de “poñer en risco a asistencia aos usuarios da residencia por puro interese partidista e por unha estratexia política rastreira”.

“Esta falta de responsabilidade non pode quedar así e ten que ter consecuencias”, amenazou o rexedor local, que acusou aos citados concelleiros de “pretender dinamitar o funcionamento da residencia e do concello sen poñer unha soa alternativa enriba da mesa”.

Garrido pide aos sindicatos e aos principais colectivos afectados “pola actitude frívola e irresponsable da oposición”, como a calificou, que se pronuncien publicamente sobre este asunto, que  di, “van acabar pagando os usuarios da residencia e os traballadores do concello, xa que tamén se está a poñer en risco o proceso de estabilización obrigatorio por lei e a RPT aprobada por todos”.

O rexedor local lembra que a modificación da ordenanza reguladora dos prezos públicos da residencia é froito da “decisión política de implantar un sistema de pago máis xusto socialmente e da decisión administrativa de seguir os pasos indicados nun estudo de viabilidade para incrementar o plantel de traballadoras e mellorar a calidade da atención aos residentes”.