Skip to main content
Lugo

Homenaxe ás dúas mulleres que máis anos levan traballando na Praza de Abastos

Por 8 Marzo, 2023Marzo 9th, 2023Sin comentarios

Manuela González Mendoza e Celsa Rodríguez Trigo foron as dúas mulleres homenaxeadas este ano neste 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. A concellería de Participación e Servizos para a Veciñanza que dirixe Cristina López realizou un recoñecemento a estas dúas mulleres que son as que máis anos levan atendendo postos na Praza de Abastos e no Mercado Tradicional.

Por un lado recoñeceuse a labor de Manuela González Mendoza, de 85 anos, que leva asistindo ao Mercado Tradicional dos martes e venres desde nena, cando acompañaba a súa nai e por outro a Celsa Rodríguez Trigo, que na actualidade ten 87 anos e que durante máis de 40 anos atendeu á veciñanza de Lugo nunha das carnicerías da Praza de Abastos, actividade que continúa a desenvolver a súa familia..

Cristina López destacou “o esforzo destas dúas mulleres ao longo dos anos, que axudaron a que o Mercado e a Praza de Abastos de Lugo sexan actualmente dous espazos de gran importancia para a veciñanza”. Rubén Arroxo, xunto coas concelleiras e concelleiros da Tenencia de Alcaldía asistiron ao acto de lembranza destas dúas mulleres que forman parte da historia da Praza e do Mercado.