Skip to main content
Lugo

Comeza a licitación para peonalizar a praza e a rúa do Carme

Por 23 Marzo, 2023Sin comentarios

A Xunta de Goberno autorizaba a apertura da licitación para rexenerar a praza e a rúa do Carme, cuxo importe económico foi estimado en 606.109 euros, dispoñendo a empresa que resulte adxdicataria dun prazo de execución de cinco meses para realizar os traballos.

A rexedora lembrou que “o proxecto pretende dignificar esta entrada ao Centro Histórico na que conflúen os Patrimonios da Humanidade da Muralla e o Camiño Primitivo”.

A intervención, que inclúe a peonalización e humanización da zona, se enmarca na estratexia de Lara Méndez para recuperar o barrio do Carme, uníndose á mellora xa realizada no propio Camiño e na Vía XIX coa que se impulsa a transformación completa do barrio tanto no aspecto urbanístico, como arquitectónico, económico e social.

A iniciativa engádese, ademais, a outras medidas en marcha como a musealización da Cloaca, a creación do primeiro coliving artístico municipal de toda España, a posta en marcha dunha bolsa de estacionamento público e gratuíto detrás da Capela – que se completará con máis prazas a disposición no Fogar de Santa María – ou o parque en homenaxe ás vítimas da Covid, que suporán un antes e un despois para a rúa e a súa contorna de especial protección.

Méndez fixo fincapé en que a peonalización, totalmente respectuosa coa contorna, contempla unha plataforma unitaria que integrará a rúa do Carme co xardín, a Capela e o Museo, para gañar espazos e darlles máis luminosidade, atendendo a criterios de embelecemento e de seguridade vinculada coa perspectiva de xénero.

O ámbito da obra, que abarca case tres quilómetros de superficie, comprenderá tamén as travesías Noriega Varela e do Carme e a senda peonil que une Noriega Varela coa praza, por detrás da Capela.

Os actuais firmes se substituirán por un pavimento de formigón desactivado cor gris granito, que tamén se utilizará na senda peonil, aínda que noutras tonalidades máis similares ao aspecto actual, empregando a cor como factor diferenciador entre o espazo do viario mixto (de prioridade peonil) e o estritamente reservado a viandantes.

Para a zona da plataforma que une o xardín coa Capela e o Museo se instalará o mesmo acabado de pavimento (baldosa de granito) en gran formato e as barreiras arquitectónicas serán eliminadas para deixar toda a praza á mesma cota. Igualmente, os servizos como a rede de abastecemento e saneamento serán renovados, soterrando tamén os actuais tendidos aéreos de baixa tensión e de telecomunicacións.

“Optamos, alén, – subliñou a alcaldesa – por acondicionar os xardíns, mellorándoos con céspede e flores novas, en prol dunha maior naturalización de todo o espazo, no que se manterá o exemplar de maior porte, mentres que as especies deterioradas serán retiradas e substituídas por outras”.

“Ademais, melloraremos a iluminación de todas as zonas onde se actuará e instalarase mobiliario urbano e arboredo por toda a rúa en prol dunha maior confortabilidade dos espazos que serán accesibles”, engadiu a rexedora.

Lara Méndez fixo fincapé en que a intervención “ten por obxectivo ennobrecer toda a contorna, tanto polo seu valor histórico e patrimonial como para revalorizar o barrio e incentivar tamén a rehabilitación dos edificios por parte dos seus propietarios”, concluíu.

O proxecto será cofinanciado nun 80% con fondos Feder da estratexia DUSI Muramiñae.