Skip to main content
Lugo

A Deputación inviste 150.000€ na estrada do Rato

Por 2 Abril, 2023Abril 3rd, 2023Sin comentarios

A Deputaciónde Lugo acomete traballos na estrada do Rato cun investimento de 150.000€ para mellorar o seu firme dende o inicio da vía ata o quilómetro 3,079, actuacións que mellorarán a seguridade e a comodidade dos miles de condutores que circulan por esta vía a diario.

Os traballos, que comezaron este xoves, contemplan o fresado do pavimento danado e a súa reposición con aglomerado en quente; o recrecido das zonas que presenten afundimentos tamén con aglomerado; a pavimentación da plataforma afirmada nun ancho de 8 metros mediante microaglomerado en frío para mellorar a adherencia e aumentar a durabilidade do firme; o repintado das marcas viarias; e a colocación de separadores viais no eixo para calmar a velocidade do tráfico.

O presidente subliñou que a mellora da mobilidade é unha das liñas de actuación prioritarias da Deputación, destacando que neste caso “temos que facer un sobreesforzo na conservación e mellora da estrada do Rato porque soporta unha elevada densidade de tráfico, duns 4.000 vehículos ao día, moito maior da que lle correspondería polas súas características, xa que a Xunta de Galicia segue sen executar a Ronda Leste, e a maioría dos condutores, sobre todo os de Lugo, pero tamén do resto da provincia, utilizan esta vía para ir ao hospital”.

Os traballos contan cun prazo de execución de dous meses. Durante as obras será necesario cortar un carril e empregarase o outro con tráfico alternativo regulado por semáforos. A Deputación puxo en valor a contorna do Rato coa creación do carril bici cun investimento de medio millón de euros e tamén poñendo ó servizo da cidadanía os hortos urbanos, dos que hoxe desfrutan máis de cen veciños e colectivos de Lugo.

A alcaldesa de Lugo subliñou a importancia destas obras “no marco da debida e sempre beneficiosa colaboración institucional que mantemos entre as dúas administracións”. Lara Méndez lembrou que “a pasada semana anunciabamos que nos vindeiros días sinaremos un convenio coa Confederación Hidrográfica para a rexeneración integral deste espazo natural, ou o proxecto de ampliación do cinto verde de Lugo ata a Tolda, co obxectivo de recuperar bosques aluviais e carballeiras e enlazar tres novos quilómetros de senda ciclista”.