Skip to main content
Triacastela

O candidato á Alcaldía de Triacastela polo PSOE é Miguel Ángel Fernández

Por 5 Abril, 2023Sin comentarios

Miguel Ángel Fernández López é o candidato ás eleccións do municipio de Triacastela polo Partido Socialista, que xa foi rexedor deste concello e actualmente tamén é Concelleiro na Corporación municipal.

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, valorou o “gran compromiso” de Miguel Ángel Fernández coa veciñanza e co futuro do seu concello liderando a candidatura á Alcaldía, “e poñéndose unha vez máis ao fronte dun equipo para impulsar o proxecto político progresista que tanto necesita Triacastela”.

Tomé salientou, ademais, que o candidato “está sobradamente preparado para gobernar”, xa que exerceu esta responsabilidade durante doce anos. Polo tanto, “coñece o concello palmo a palmo, e o máis importante, sabe das necesidades da veciñanza e como aproveitar as oportunidades do municipio para crear riqueza e emprego”.

Proxectos para Triacastela

O candidato socialista marca como prioridades a construción dun Centro de Día, o saneamento nas parroquias e a mellora das vías de titularidade municipal, ademais de “poñer ao día as contas do Concello”.

“Queremos luz e taquígrafos sobre o orzamento municipal”, lembrando neste sentido “os graves defectos” detectados polo Consello de Contas.

Fernández López subliña que afronta esta nova etapa “acompañado dun equipo de veciños e veciñas dispostos a traballar e colaborar para reivindicar A Montaña como un territorio cun sinal de identidade único, do que sentirnos moi orgullosos, e ao mesmo tempo, un lugar no que poidamos realizar o noso proxecto de vida”.

“Queremos fixar poboación e, para elo, temos que ofrecer máis e mellores servicios públicos, así como medidas para a conciliación ou incluso outros incentivos para as familias. Triacastela merece outro futuro, non podemos seguir perdendo oportunidades”, incidiu o candidato.