Skip to main content
Abadín

Daniel Castro defende a investigación e innovación no rural nunha visita a Innogando

Por 15 Xullo, 2023Sin comentarios

O cabeza de lista ao Congreso por Lugo, Daniel Castro, desprazouse ata as instalacións de Innogando en Abadín, onde puido comprobar que a simbiose entre tecnoloxía e natureza é posible. Esta empresa, indicou Castro, “mellora a rendibilidade das explotacións e a calidade de vida dos gandeiros e gandeiras, garantindo sempre o benestar dos animais”.

As políticas estatais e comunitarias someteron o sector agrogandeiro galego a un profundo proceso de reconversión, o que supuxo “unha perda significativa de emprego e de capacidade produtiva, provocando o despoboamento do medio rural”, insistiu Daniel Castro. O BNG acredita no futuro do noso rural mediante políticas que apoien a rendibilidade da industria transformadora e que, segundo o candidato, “fomenten os circuítos curtos de comercialización e de transformación por parte das persoas produtoras que aposten pola produción diferenciada e de calidade, como é o caso de Innogando”.

Para Castro é fundamental “garantir que o rural conte con servizos públicos de calidade, favorecendo o asentamento de poboación e o emprendemento”. Para iso é necesario “colaborar con Galiza na planificación das tecnoloxías precisas para a transición enerxética, sometendo esta planificación a unha avaliación ambiental estratéxica e á colaboración nun desenvolvemento integrado”.

O número un ao Congreso insistiu en que “a investigación e a innovación son un sector produtivo que potencia o desenvolvemento social, económico e cultural de calquera país”. Daniel Castro considera urxente “o saneamento dos sectores industriais en crise e unha política real de reindustrialización baseada no impulso á industria auxiliar e no apoio aos sectores industriais emerxentes e a I+D+i”, á que, declarou, “debería destinárselle un incremento considerable dos fondos e da porcentaxe do PIB”.

Precisamente, o BNG insta a elevar, progresivamente, o investimento estatal en I+D+i até o situar no 3 % do PIB en 2030. “O Estado debe facilitar todos os medios económicos e normativos para que a Xunta conte cos recursos necesarios para acometer un Plan de Industrialización que inclúa, entre os seus obxectivos, o reequilibrio territorial”, rematou Castro.