Skip to main content
Guntín

A Deputación comeza a pavimentación do cinto comarcal ao seu paso por Guntín

Por 28 Setembro, 2023Setembro 30th, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo vén de iniciar a pavimentación do cinto comarcal ao seu paso por Guntín. Unha actuación que afecta a un treito de 10,5 quilómetros da LU-P-1611 -entre os puntos quilométricos 17,438 e o 27,962- e que consiste na reapertura de cunetas, melloras na drenaxe, estendido de aglomerado en quente e sinalización mediante marcas reflexivas brancas. A institución provincial inviste neste proxecto preto de 1M€.

Os traballos de pavimentación, a cargo da empresa OVISA Pavimentos e Obras SLU, comezaron este xoves e está previsto que rematen en cinco días. Actuarase alternativamente en ambos carrís, polo que non será necesario desviar o tráfico.

Trátase dunha actuación moi importante porque o tramo no que actúa estes días a Deputación dá servizo directo a media ducia de parroquias do concello de Guntín como Santa María de Ferroi, San Román, Lousada, Castelo de Pallares, O Pozo e Santa Eulalia de Pradeda.

A institución provincial investiu desde o ano 2019 máis de 1,5M€ nas estradas que dan servizo ao concello de Guntín. Ademais do cinto comarcal, actuouse na LU-P-2901, que comunica os concellos de Lugo e Guntín, a LU-P-2406, de Lousada a Longalai e a LU-P-2402, de Lousada a Ferrín. Tamén foi mellorado o firme da LU-P-2403, de Lousada a Goia e o ramal a Vilar.

Este ano a Deputación de Lugo dedica 18,3M€ á mellora das estradas provinciais, un orzamento que aumentou nun 30% dende o 2019, cando se destinaban 14,2M€. Na comarca de Lugo -que comprende os concellos de Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Lugo, Outeiro de Rei, Portomarín e Rábade- a Deputación investiu nos últimos anos preto de 5M€ para as vías da rede provincial, a máis extensa de España e tres veces maior que a da Xunta de Galicia, con 4.200 quilómetros.