Skip to main content
Trabada

O incendio de Trabada xa afecta a unhas 1.200 hectáreas, pero o tráfico na A-8 está restablecido

O incendio, que tamén afectou a diversas parroquias de Ribadeo, fixo que o alcalde deste municipio cancelase todas as actividades previstas para esta fin de semana.

O incendio de Trabada segue activo despois de que se iniciara durante a tarde de onte sobre as 15.00 horas e, como medida preventiva, cortouse o tráfico na autovía A-8 durante esta mañá, pero xa quedou restablecido pola tarde.

Segundo as últimas estimacións, o lume xa arrasou arredor de 1.200 hectáreas de superficie, a pesar de que os servizos de extinción din que “a gran cantidade de lume impide unha estimación exacta de superficie”.

Para a súa estabilización mobilizáronse ata o de agora 5 técnicos, 6 axentes, 13 brigadas, 10 motobombas, 3 pas, 1 tractor, 5unidades técnicas de apoio, 6 avións e 3 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Concello de Ribadeo

Pola súa parte, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, asegura que “a situación é crítica e complexa neste momento”, xa que o incendio de Trabada está afectando ao municipio, en parroquias como Noceda, Vilaframil, Cubelas, Piñeira ou Cedofeita.

Así, pide tranquilidade á poboación e que fagan caso das indicacións das autoridades mentres se desenvolven os labores de extinción de incendios.

Colaboración de Deputación de Lugo e da Subdelegación do Goberno

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou este venres cos alcaldes de Trabada e Foz, Mayra García Bermúdez e Francisco Cajoto os traballos de extinción dos lumes que afectan a estes dous concellos da Mariña.

Xunto ao Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, á Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e outras autoridades, estiveron no punto de control do operativo contra os incendios declarados nas últimas horas en diferentes concellos da provincia e que queimaron unhas 450 hectáreas en Trabada, onde as lapas xa están controladas, e outras 70 en Foz.

Tomé Roca trasladou aos alcaldes e alcaldesas dos municipios que sufriron lumes nas últimas horas todo o seu ánimo e mandou unha mensaxe de apoio á veciñanza, especialmente nos lugares onde tivo que ser desaloxada das súas casas.

Mayra García agradeceu o labor dos efectivos que están a loitar contra os lumes e informou de que no concello foi decretada a situación 2 de alerta pola proximidade das lapas aos núcleos habitados. A alcaldesa sinalou ademais que no concello está habilitada a Escola Municipal para a veciñanza de Pena Cova que pediu ser desaloxada.

Pola súa banda, Francisco Cajoto sinalou que a noite foi complicada en varios núcleos de Santa Cilla e San Acisclo e que o lume está próximo a zonas habitadas. Precisou tamén que foi necesario pechar ao tráfico a estrada que comunica Alfoz con Foz por Fazouro e Fontao.