Skip to main content
Monforte

O BNG insta á CHMS a modernizar os regadíos do Val de Lemos

Por 13 Outubro, 2023Outubro 14th, 2023Sin comentarios

Os nacionalistas defenden que o sistema de regadíos está obsoleto e leva a un desequilibrio no subministro de auga, facendo que nunhas zonas se produzan inundacións mentres outras non reciben auga.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a senadora Carme Dasilva presentaron varias iniciativas parlamentarias para instar á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a modernizar os regadíos de Val de Lemos e parar o desperdicio de recursos hídricos que se produce por unhas infraestruturas obsoletas e faltas de actuacións de mantemento.

Así, os representantes nacionalistas denuncian a situación de abandono dos regadíos de Val de Lemos e salientan a necesidade de melloras para incrementar a capacidade produtiva dos terreos de cultivo. “Trátase de miles de hectáreas de terras de cultivo que se atopan nun estado de abandono. O sistema de regadíos está obsoleto e leva a un desequilibrio no subministro de auga facendo que nunhas zonas se produzan inundacións mentres outras non reciben auga. Pérdense miles de litros de auga de forma absurda”.

O BNG leva anos reivindicando a modernización destes regadíos á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e solucionar a situación dos regantes que afectan aos concellos de A Pobra de Brollón, Bóveda e Monforte de Lemos, entre outros municipios do Val de Lemos.

Así, din que “á caducidade dun sistema de regadío antigo, únese a falta de mantemento das canles de auga e do resto da infraestrutura”. E afirman que “non se entende que a CHMS permita este desperdicio de auga. Non se entende que a Confederación Hidrográfica alongue esta situación, permitindo este desperdicio de auga e o desequilibrio de terras enchoupadas de auga, mentres que,outras están secas. Son terreos altamente produtivos que están en estado de abandono. Ao tempo que a auga do encoro non se utiliza e se desperdicia, resulta que o río Mao sofre as consecuencias de falta de caudal ecolóxico necesario”.

Actualizar o censo de regantes, condonar a débeda e renegociar as condicións

Para o BNG, a Confederación Hidrográfica debería actuar “con celeridade e urxencia ante un problema con un negativo impacto medioambiental ao desaproveitar a auga embalsada para regadío no río Mao, e impedindo a posibilidade de poñer en produción un total de 5000 hectáreas que están sen cultivar”. Así, critican a mala planificación da auga por parte de Confederación Hidrográfica.

Outra cuestión que se pon enriba da mesa é a necesidade de actualizar o censo de regantes, conxuntamente coa Xunta, renegociar as condicións e cotas de pagamentos, e condonar a débeda acumulada, que é produto da falta de dilixencia e eficacia por parte das dúas administración para dar garantías xurídicas a esta comunidade de regantes.

Neste sentido, os nacionalistas lembran que hai un acordo aprobado por unanimidade no Parlamento galego e a resposta da CHMS aínda está “en estudo”, xa que a Confederación indicou que asinou un Convenio coa Universidade de Santiago “para a elaboración dun plan integral para aproveitamento agronómico do regadío Val de Lemos”.

Porén, critican que a Confederación non concreta as medidas a levar a cabo nin prazos temporais, só sinala que “se están contemplando diversas actuación entre as que se está a avaliar as obras de mantemento e reparación necesarias para pór en óptimo funcionamento o regadío”, e recoñece que “todo está en estudo”.

A CHMS afirma que “as infraestruturas se reparan, manteñen e limpan de maneira constante de acordo coas necesidades existentes”, pero os nacionalistas sentencian que é unha contradición.