Skip to main content
Triacastela

Triacastela contará con tres pasteiros grazas a unha achega de máis de 200.000 euros

Por 31 Decembro, 2023Xaneiro 1st, 2024Sin comentarios

A Xunta investiu un total de 242.405,97 euros para a creación de tres pasteiros na localidade lucense de Triacastela, concretamente nos montes veciñais de man común da Balsa e San Breixo, na parroquia da Balsa; e Cancelo, na parroquia homónima. Os pasteiros abranguen unha superficie total de 26,76 hectáreas, correspondentes a 9,86 ao da Balsa, 9,89 ao de San Beixo e 7,01 ao de Cancelo.

Para a súa posta en marcha leváronse a cabo traballos no terreo, entre eles de roza, pases de grada pesada, retirada de pedras, fertilización e sementeira, entre outras. Ademais, construíuse un peche de 500 metros, no caso de Cancelo, e de 2.133 metros lineais, na Balsa, con postes de madeira de castiñeiro. Ademais, no de San Breixo acometeuse o arranxo en 905 metros dun camiño e colocouse unha manga de manexo móbil.

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou a zona para supervisar o fin das actuacións, enmarcadas no Plan de Pastos de Galicia, acompañado pola alcaldesa da localidade, Olga Iglesias.

O principal obxectivo de todos estes labores é o de fomentar a gandería en extensivo na zona, ao mesmo tempo que tamén se actúa na prevención de incendios forestais coa actividade de pastoreo.

Neste senso, búscase promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para traballar na anticipación aos incendios forestais e, sobre todo, garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural.