Skip to main content
Abadín

Abadín contará con corais, Os Bolechas e os Reis Magos no seu programa das festas

Por 14 Decembro, 2023Sin comentarios

O Concello de Abadín iniciará o sábado 16 a súa programación de Nadal que arrancará coa actuación da Coral Polifónica de Meira e da Coral Polifónica local, que presentarán un repertorio adaptado a estas datas, que inclúe desde cantos de Reis ata pezas doutras culturas.

Englóbase nun programa da Vicepresidencia da Deputación de Lugo que pon son ao Nadal con máis de cincuenta actuacións nas distintas comarcas. A sesión será ás 19.00 horas no salón de actos do Concello.

Ademais, segundo avanzaron desde o Concello, o día 22 os pequenos da localidade recibirán a Papá Noel, ao que poderán facer entrega das súas cartas cos desexos deste ano.

Tamén para os máis pequenos, Abadín contará tamén coa actuación dos Bolechas, que presentan o seu espectáculo Un Nadal Máxico. Será na casa do Concello o día 29 ás 17.00 horas.

Pero o prato forte da programación de Nadal será a visita dos Reis Magos. A primeira parada da comitiva será no centro de día, onde visitarán aos maiores, aos que entregarán un agasallo, como fan todos os anos.

Unha vez rematada esta visita, sobre as 16.30, achegaranse ata o Concello para facer a recepción oficial de todos os pequenos, aos que entregarán o seu agasallo e tamén recollerán peticións para entregar durante a noite nos fogares.

A cabalgata é xa unha tradición en Abadín, xa que todos os pequenos empadroados reciben una agasallo nesta tarde tan especial.