Skip to main content
BarreirosBurelaCervoComarca AMARIÑAXAFozMar AMARIÑAXAO VicedoRibadeoViveiroXove

A Xunta censura que o Estado non atallase a chegada dos pellets a Galicia pese a coñecer o suceso en decembro

Por 10 Xaneiro, 2024Sin comentarios

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou a mobilización que se produciu entre as galegas e galegos para atallar as consecuencias do vertido de pellets desde que o Goberno central, hai unha semana, lle comunicou por primeira vez á Xunta a magnitude real do incidente. Tanto a nivel social, cun importante movemento de voluntarios, como a través dun operativo autonómico onde máis de douscentos efectivos de Gardacostas de Galicia, axentes medioambientais e as brigadas de Tragsa reforzan o traballo de detección, retirada e limpeza dos materiais nos areais que realizan os concellos.

Así o sinalou desde Muxía, onde acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou a confraría de pescadores desde onde se lle trasladou o enfado destes profesionais ante o alarmismo xerado, sentimento compartido polo conselleiro, pois da unha imaxe que resulta moi negativa e inxusta para este colectivo de traballadores.

Foi unha semana de intensa actividade que contrapuxo cun mes enteiro de inacción por parte do Goberno central, que nada fixo a pesar de ter coñecemento xa o 8 de decembro da perda dos contedores que acabou orixinando a chegada dos pellets ao litoral galego, tamén ao asturiano, o cántabro e que ameaza tamén o vasco e mesmo o francés.

O titular de Mar destacou que o Executivo estatal, pese a coñecer o suceso ocorrido ante as costas de Portugal e saber desde o día 20 dese mes a natureza das mercadorías perdidas polo mercante Toconao, nin trasladou esta información á Xunta nin actuou de forma algunha, pese a ter as competencias sobre tráfico de buques e de loita contra a contaminación mariña.

A pesar do impacto que podían ter as máis de 26 toneladas de pellets vertidas, o Goberno estatal evitou activar o Sistema Nacional de Resposta ante un Suceso de Contaminación Mariña e demorou a comunicación oficial á Xunta da procedencia das pequenas partículas de material plástico que chegaban aos areais galegos. De feito non o fixo ata o 3 de xaneiro, cando comezou a dispararse a chegada dos sacos e das diminutas boliñas.

Desde ese mesmo momento Galicia activou o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal) que, en proceso de revisión constante, agora se sube a nivel medio co fin de que o Estado contribúa e se centre na recollida dos residuos no mar, minimizando así os que cheguen á costa. Gardacostas de Galicia, en coordinación co 112, monitoriza os avisos da chegada deste material aos areais e informa aos concellos, administración competente para a súa retirada, ademais de poñer medios propios da Xunta á súa disposición para prestar a axuda necesaria.

O titular do Mar sinalou que xa se mobilizaron máis de 200 efectivos para colaborar e reforzar a limpeza da costa. Este operativo traballou hoxe recollendo o residuo en areais dunha ducia de concellos, entre eles a propia Muxía, Valdoviño, Ares, Sada, Pontedeume, Oleiros, Carnota, Fisterra, Ribeira, O Grove, Cangas e Nigrán. Estes efectivos seguirán a traballar en todos os municipios costeiros galegos onde se necesite a súa presencia.