Skip to main content
Axenda RIBEIRASACRAXAMonforte

O Goberno local de Monforte presenta a programación de teatro do primeiro semestre do ano

Por 14 Xaneiro, 2024Xaneiro 15th, 2024Sin comentarios

O Concello de Monforte, a través da súa Concellería de Cultura, vén de pechar a programación de teatro da Rede Galega de Teatros e Auditorios-AGADIC-Galescena para o primeiro semestre do ano 2024.

As representacións teatrais desenvolveranse dende o 25 de xaneiro ó 12 de maio e a carteleira está conformada por un total de 7 postas en escena destinadas na súa maioría ó público adulto. Tamén se ten en conta o público infantil que terá a súa propia oferta cultural, cunha obra programada en maio.

O alcalde, José Tomé Roca, anima ós monfortinos e monfortinas a participar na programación de teatro do Concello de Monforte para o primeiro semestre deste ano, dentro da aposta decidida que este goberno fai pola cultura, e neste caso, polo teatro galego.

Programación

A programación iniciarase o xoves 25 de xaneiro coa obra ‘O auto de Castromil’, espectáculo para público adulto, a cargo do grupo Producións Teatrais Excéntricas.

No mes de febreiro, xoves día 22, a compañía Contraproducións traerá a escena a peza Entrega en man, tamén para público adulto, Artyc Content representará Que din as rumorosas o xoves 7 de marzo, tamén para público adulto.

Compañía Humana actuará o 21 de marzo para pór en escena Iphixenia na porta do súper, mentres que o grupo de teatro da Universidade Laboral de Ourense, fóra do ciclo da Rede de Teatros e Auditorios, programa unha representación teatral para adultos o xoves 11 de abril no Edificio Multiusos ás 20.15 horas, con entrada de balde, baixo o título de ‘Soño dos vagalumes’.

O xoves 25 de abril, a compañía Volta e Dalle Teatro teatro pechará o ciclo de representación para adultos do primeiro semestre do ano, coa obra Falar por falar.

O Concello non se esquece do público infantil, que terá o 12 de maio unha representación específica para eles, titulada Palabras a cargo da compañía Baobab Teatro. Todas as obras mencionadas poñeranse en escena no Edificio Multiusos do Concello de Monforte, en horario de tarde, ás 20.15 horas agás a representación do 12 de maio para público infantil que terá lugar ás 18.00 horas.

A entrada xeral será dun importe de 5 euros pero tamén haberá entradas bonificadas para nenos, estudantes, desempregados e xubilados a un importe de 3 euros.

A Concellería de Cultura incidiu no compromiso que mantén o Concello de Monforte de brindarlle á veciñanza unha oferta cultural de calidade coa difusión de espectáculos variados e para tódolos públicos entre os que se atopa a programación teatral para este primeiro semestre de 2024.