Skip to main content
Ourol

O Concello de Ourol organiza un taller e a exposición co gallo do 8M

Por 26 Febreiro, 2024Febreiro 27th, 2024Sin comentarios

O vindeiro 8 de marzo, co gallo da celebración do Día Internacional da Muller, o Concello de Ourol organiza un taller e a exposición Sobre as nosas cabezas.

Esta mostra amosa diferentes imaxes de mulleres de diferentes países portando diferentes obxectos nas súas cabezas. Unha imaxe típica galega, pero que tamén se pode ver noutras zonas do mundo como Cabo Verde, Brasil, Haití, República Dominicana, India…

A artista Cristina González, que asina a súa obra como Cristina Castro en honor ao lugar onde naceu, estará con nós para contarnos como xurde este proxecto que nace en Guinea Bissau e que a leva a profundar nesta imaxe de mulleres portadoras desde un punto de vista sociolóxico e artístico.

Todos lembramos ás nosas avoas ou as nosas nais portando produtos do campo na súa cabeza para levar ás feiras ou ó mercado; facíano cunha destreza impresionante e sen perder nunca a carga, un traballo digno de admiración e que queremos poñer en valor desde o Concello de Ourol.

A inauguración desta exposición será o día 8 de marzo as 16.30 horas na Biblioteca de Ourol con entrada gratuíta. E poderá verse do 11 ao 15 de marzo de 10.00 a 13.30 horas. Para o taller e necesaria a inscrición previa no teléfono 982 559 109.