Skip to main content
Axenda CaducadaLugo

Javi Maneiro presentará en Lugo o seu novo álbum este domingo

Por 18 Febreiro, 2024Sin comentarios

O cantante e compositor Javi Maneiro xira este mes de febreiro por teatros e salas de concertos de Galicia para dar a coñecer o seu cuarto álbum en solitario, Un bonito despertar, que tamén presentará en Lugo. A Sala Jagger luguesa acollerá o domingo 18, a partir das 19.00 horas, o directo do músico, xa recuperado do accidente cerebrovascular que sufriu no 2022.

Maneiro visita este inverno os teatros e salas de concertos de Galicia presentar o seu novo disco en solitario, no que asume tanto a autoría da música coma das letras. Logo do lanzamento de Un bonito despertar no mes de maio e da estrea ao vivo na Sala Capitol en xuño, o músico por fin levará o seu novo directo a un total de sete localidades do país grazas ao apoio da Xunta de Galicia. Sobre o escenario, o cantante acompañarase dunha banda conformada por Manu Rey (batería), Pachi Cruz (baixo), Rubén Cores (guitarra), Fernando Calvo (Guitarra) e Iria Iglesias (teclados).

Tras visitar Boiro e Ourense a pasada fin de semana, e logo dos días grandes do Entroido, Un bonito despertar presentarase no Playa Club de A Coruña o sábado 17. Ao día seguinte, Maneiro desprazarase a Lugo para actuar na Sala Jagger. Xa de cara á fin de semana seguinte, o músico estará no Master Club de Vigo (sábado 24) e no Centro Torrente Ballester de Ferrol (domingo 25). Finalmente, a xira pecharase o sábado 2 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra. Os billetes para asistir aos concertos de presentación de Un bonito despertar pódense adquirir, desde 10 euros máis gastos de xestión, a través de Enter Ticket (para os directos de A Coruña, Lugo e Vigo) e Ataquilla (Pontevedra e Ferrol).

Cantante e compositor

Maneiro é natural da Pobra do Caramiñal, mais reside en Ribeira desde hai 25 anos. Coñecido por ser vocalista de bandas como Heredeiros da Crus e Jabón Blue, no 2014 inicia a súa carreira en solitario, unha traxectoria que compaxinou co seu traballo nunha fábrica de conservas. No 2017 lanza o seu primeiro LP Furtivos e, dous anos despois, o segundo, Acaricia mis arrugas. A capacidade de composición de Maneiro é sorprendente: tan só un ano despois, no 2020, publica un disco acústico en formato vídeo álbum, Palabras de un desconocido.

No 2021, para celebrar os seus 30 anos na música, comeza a traballar no que será o seu cuarto disco, Un bonito despertar; mais no medio da gravación do disco e da xira con Heredeiros, sufre un accidente cerebrovascular. Logo do seu lanzamento o pasado mes de maio, da presentación ao vivo na Sala Capitol de Santiago no mes de xuño e dunha coidada recuperación ao longo destes meses, Maneiro inicia en febreiro de 2024 unha xira de ateigada de vitalidade e entusiasmo polas salas de concertos e teatros de Galicia.