Skip to main content
Lugo

Lugo inaugura o parque da Lembranza cun conxunto escultórico sobre a loita contra a pandemia

Por 27 Febreiro, 2024Febreiro 28th, 2024Sin comentarios

O Executivo local conclúe o parque da Lembranza coa instalación dun conxunto escultórico en homenaxe ás vítimas e aos colectivos involucrados na loita contra a pandemia. A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, supervisou os traballos de instalación da escultura. Esta obra está composta por dez pezas individuais de madeira combinadas con aceiro corten que se distribúen sobre o terreo de forma estratéxica para que cada elemento sexa visible dende diferentes perspectivas. “Desde o Goberno queriamos renderlle esta fermosa homenaxe ás vítimas e a todas as persoas involucradas na loita pola vida e pola axuda á sociedade”, asegurou. A idea de combinar a comunidade, a humanidade e a vida vén motivada “pola resposta que tivemos de forma común fronte á pandemia provocada pola Covid-19”. Deste xeito, colectivos como o sanitario ou os corpos de seguridade, entre outros, son recoñecidos “como artífices da superación deste período inesquecible nas nosas vidas e que marcou a nosa historia recente”, sinalou a rexedora.

 

Así mesmo, Alvarellos Fondo destacou a aportación  deste conxunto escultórico á mellora  dunha contorna que agrupa un gran patrimonio histórico e artístico. “Neste espazo, a cidadanía lucense poderá atopar un lugar de reflexión ao acougo que brindan as especies autóctonas coa que se reforestou esta área situada entre a Rolda do Carme e o Regueiro dos Hortos”. Trátase dun espazo para recordar aos que xa non están e recuperar a consciencia da magnitude do vivido. “A finalidade foi crear un espazo íntimo á vez que integrado na paisaxe, ao tempo que se ofrece unha solución ás condicións orográficas da zona, mediante un itinerario practicable para os usuarios da Vía XIX que non poidan salvar a escalinata que dá acceso á Rolda do Carme”, continuo a alcaldesa.

 

Coa instalación desta escultura, o Executivo local consolida a posta en valor desta zona da cidade, que nos últimos anos experimentou unha gran transformación con proxectos enmarcados na estratexia Muramiñae como a peonalización da calzada Romana a humanización da rúa do Carme e a súa contorna, a recuperación da Cloaca Romana ou a adificación do novo Coliving municipal. Trátase dunha obra de gran complexidade compositiva onde cada volume expresa unha identidade propia e cuxa combinación no espazo co resto de elementos define un grupo harmónico único cun profundo significado. Non en vano, as pezas figuran persoas e á vez elementos vexetais, nunha fermosa alegoría que expresa o vínculo existente entre o ser humano e a natureza.