A Fiscalía pide nove anos de inhabilitación para Jácome por un presunto delito continuado de prevaricación

En caso de condena, a petición suporía a imposibilidade de ocupar cargos públicos electivos ou de confianza en calquera administración, tanto a nivel local como autonómico, estatal ou europeo
Gonzalo Pérez Jácome
25 Jun 2026

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, enfróntase a unha petición da Fiscalía de nove anos de inhabilitación por un suposto delito continuado de prevaricación por non ter solicitado ante o pleno municipal a compatibilidade entre os seus ingresos públicos e privados.

Segundo o escrito do Ministerio Público, Jácome percibiu durante o seu mandato unha retribución como alcalde con dedicación exclusiva ao tempo que mantivo ingresos procedentes de negocios privados, especialmente vinculados á canle de televisión local Auria TV. A Fiscalía considera que esta situación non foi puntual nin accesoria, senón unha actividade económica relevante que coexistía co seu salario público sen a correspondente autorización.

No plano económico, o informe fiscal recolle que o rexedor acumulou máis de 460.000 euros en soldos públicos entre 2019 e 2025. A esta cifra engádense preto de 787.000 euros procedentes de actividades privadas entre 2019 e 2024, unha parte significativa vinculada á mencionada televisión local, que tamén se nutre, segundo a investigación, de fondos relacionados coa representación política de Democracia Ourensana no Concello e na Deputación.

A acusación sostén ademais que o alcalde figuraba simultaneamente en distintos réximes da Seguridade Social, o que reforzaría a idea dunha actividade profesional continuada máis alá das súas funcións institucionais. Ademais de Auria TV, a Fiscalía tamén apunta a ingresos derivados de operacións no ámbito da promoción inmobiliaria. O Ministerio Público conclúe que estas actividades non tiñan carácter secundario, senón que formaban parte dunha estrutura económica consolidada.

Para poder compatibilizar ingresos públicos e privados, sería necesario o visto e prace do pleno municipal, algo que, segundo a Fiscalía, non se chegou a solicitar. O escrito apunta a que esta omisión foi consciente, xa que a autorización implicaría ter que renunciar a unha das situacións incompatibles.

En caso de condena, a petición de inhabilitación suporía a imposibilidade de ocupar cargos públicos electivos ou de confianza en calquera administración, tanto a nivel local como autonómico, estatal ou europeo. Isto afectaría directamente á súa continuidade política e á súa capacidade para concorrer a eleccións.

A causa continúa pendente de resolución na Audiencia Provincial de Ourense, que debe decidir sobre os recursos presentados contra o auto de imputación. Mentres tanto, a defensa do alcalde reclama o arquivo do procedemento, mentres a acusación particular eleva a súa petición ata once anos e medio de prisión, incluíndo tamén supostos delitos de malversación e falsidade documental.

0.32544183731079