A Marcha Mundial das Mulleres pide a Inspección Educativa información sobre as presuntas agresións machistas no IES Xulio Prieto Nespereira

A Marcha Mundial das Mulleres de Ourense volveu concentrarse este martes diante da sede de Inspección Educativa para reclamar que as familias do IES Xulio Prieto Nespereira sexan informadas sobre a situación dos expedientes abertos por presuntas agresións machistas no centro. O colectivo escolleu de novo este punto de protesta para facer visible que, desde a concentración celebrada o pasado 1 de setembro, non obtivo ningunha resposta por parte da administración educativa. Naquela ocasión, segundo relatan, un dispositivo policial impediu o acceso ás dependencias de Inspección, e aseguran que este martes volveu repetirse a mesma situación, coa policía presente impedindo de novo o paso.
Segundo explican desde a organización, tras a protesta de setembro as nais si lograron finalmente entrar nas oficinas de Inspección, onde se recolleron os seus datos de contacto e se rexistrou unha solicitude formal para manter unha reunión antes do comezo do curso escolar. Esa petición, afirman, repetiuse cada semana desde entón sen que até a data se producise ningunha chamada. O colectivo recoñece que a normativa reserva o coñecemento das resolucións ás persoas expedientadas, pero considera que, por razóns éticas e de boa praxe, Inspección debería polo menos manter informadas ás familias sobre se esas persoas seguirán ou non vinculadas ao centro. A Marcha Mundial das Mulleres tamén critica a existencia dun protocolo que impide trasladar información ás familias cando as súas fillas foron citadas a declarar perante Inspección Educativa.
O colectivo subliña que os avances conseguidos até o momento non foron doados, senón o resultado do esforzo sostido das familias, de parte do profesorado que continúa traballando no centro e, especialmente, das propias menores, que seguen acudindo cada día ás aulas. Neste sentido, destacan que se conseguiu a suspensión do docente denunciado, aínda que lamentan que as familias descoñecen a duración desa medida nin o contido final da resolución do expediente. Ademais, cuestionan o xeito en que se xestionou a súa saída do centro, que cualifican de cando menos chamativa: o mesmo día da presentación do curso escolar o profesor continuaba no seu posto, horas máis tarde —sobre as 17.00 horas— a Consellería publicou a vacante correspondente, e ao día seguinte xa había unha persoa substituíndoo. Segundo denuncian, no centro trasladouse que o docente estaba de baixa, unha versión que, ao seu xuízo, pon en dúbida o relato sostido polas propias menores e as reivindicacións que as familias veñen formulando desde hai máis dun ano.
O segundo dos presuntos agresores, sinalan, permanece aínda no instituto. Por iso, a Marcha Mundial das Mulleres mantén unha presenza diaria ás portas do centro ás 14.00 horas, coincidindo coa saída de clase, e asegura que varias alumnas continúan achegándose para relatar situacións de violencia que describen como sutís, exercidas a través da manipulación e de determinados comentarios. O colectivo lamenta que estes testemuños, que as menores comparten con liberdade fóra do recinto escolar, non atopen o mesmo eco dentro do centro, e cuestiona que un espazo educativo non logre transmitir seguridade ao seu alumnado nin unha resposta axeitada por parte de quen ten encomendada a súa protección. Así mesmo, insisten en que o feito de que só dúas familias decidisen denunciar formalmente non implica que sexan as únicas afectadas, xa que, segundo indican, as propias actas e expedientes de Inspección recollerían numerosos nomes de menores, mulleres adultas, docentes e persoal non docente que sufrirían situacións de violencia por parte desta persoa ao longo dos anos.
O colectivo feminista pon en valor a dificultade que supón para unhas adolescentes de doce anos, recén chegadas a primeiro da ESO nun centro de gran tamaño, con formación profesional e alumnado maior de idade, dar un paso que xa resulta extremadamente complicado para mulleres adultas. Por iso, consideran insostible que estas menores teñan que seguir cruzándose con esta persoa nos corredores do instituto e escoitando os seus comentarios.
Por todo isto, a Marcha Mundial das Mulleres reclama que os protocolos de actuación fronte á violencia machista nos centros educativos non se tramiten cos prazos propios dun procedemento administrativo ordinario, e pide que se adopten medidas cautelares de carácter inmediato. Dado que un dos expedientes xa estaría resolto e o outro estaría próximo á súa resolución, o colectivo esixe que se axilicen os trámites e que, como mínimo, Inspección Educativa contacte coas familias para mantelas ao tanto do estado dos procesos. O colectivo anunciou que manterá a súa presenza diante do centro até que o segundo dos presuntos agresores deixe de formar parte do cadro de persoal, até que as menores deixen de estar expostas a este tipo de situacións e até que, nas súas palabras, os espazos educativos se convertan en lugares seguros para as súas fillas.