A memoria das vítimas do franquismo, no centro do recurso contra a declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) prepara un recurso administrativo potestativo de reposición contra o contido da declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria. A entidade, promotora da iniciativa xunto con outras asociacións memorialistas galegas, asegura que decidiu recorrer tras analizar o texto da declaración e contrastar os seus argumentos con organizacións de memoria histórica de Galicia e doutras partes do Estado.
O colectivo considera que a declaración debería poñer no centro ás vítimas da represión franquista, en consonancia co establecido na Lei de Memoria. Segundo a CRMH, a finalidade dun Lugar de Memoria vinculado a Meirás debe estar relacionada coa represión, o espolio e as vulneracións sistemáticas dos dereitos humanos durante a ditadura, e non con cuestións relativas aos futuros usos do inmoble ou cos seus valores culturais e literarios.
Cuestionamento do papel de Emilia Pardo Bazán
Un dos aspectos que a Comisión pretende modificar é o protagonismo concedido a Emilia Pardo Bazán na xustificación da declaración. A entidade lembra que a escritora faleceu en 1921, quince anos antes do golpe de Estado de 1936, polo que considera que non pode ser presentada como vítima do franquismo nin constituír un dos eixos fundamentais da declaración.
A CRMH defende que o relato debe centrarse nas persoas que sufriron a represión franquista e nos feitos relacionados coa persecución política e a vulneración dos dereitos humanos. A organización insiste en que non cuestiona a relevancia cultural ou literaria de Pardo Bazán, senón a súa inclusión como elemento xustificativo nunha declaración que, ao seu entender, debe estar vinculada especificamente á memoria da represión franquista.
Reclaman recuperar o nome de 'Pazo de Meirás'
Outro dos puntos que formará parte do recurso será a recuperación da denominación 'Pazo de Meirás' no texto da declaración. A CRMH critica que o documento eliminase a palabra 'Pazo' e reclama que se respecte a denominación oficial e social do inmoble.
A entidade tamén denuncia o que cualifica de omisión do papel desempeñado polo asociacionismo memorialista como impulsor da iniciativa. Ao mesmo tempo, reclamará unha revisión do relato histórico incluído na declaración, especialmente no relativo á impunidade, á represión franquista e ao espolio sufrido en Meirás.
O recurso incorporará tamén propostas concretas para modificar a parte resolutiva da declaración e corrixir, segundo a CRMH, determinados erros na tipificación do espolio.
Amplo apoio de entidades memorialistas e culturais
A iniciativa conta co apoio de numerosas entidades culturais, veciñais e memorialistas de Galicia, entre elas a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, a AVV Atochas-Montealto-A Torre, a Asociación Veciñal da Agra do Orzán, AC Eira Vella, a Agrupación Cultural O Galo e Memoria, Verdade e Xustiza. Tamén manifestaron o seu respaldo Via Galega, a Fundación Galiza Sempre e a Fundación Moncho Reboiras. A CRMH sinala que a relación de entidades adheridas seguirá medrando nos próximos días e que a iniciativa conta igualmente con apoios de organizacións memorialistas doutras partes do Estado.
A Comisión prevé presentar formalmente o recurso proximamente e pretende que a declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria sitúe como elemento central ás vítimas do franquismo e a represión sufrida durante a ditadura.