A memoria das vítimas, no centro do recurso contra a declaración de Meirás como Lugar de Memoria

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña pide revisar a resolución estatal cunha proposta avalada por entidades memorialistas, investigadores e expertos
SADA pazo meirás
10 Sep 2026

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) presentou un recurso administrativo contra varios aspectos da resolución pola que o Estado declarou 'Meirás' como Lugar de Memoria Democrática. A entidade non cuestiona a declaración do espazo, senón que reclama modificar parte do seu contido para, segundo defende, adaptar o relato aos principios de verdade, memoria e reparación establecidos na Lei de Memoria Democrática.

Un dos principais motivos da reclamación é o papel que a CRMH considera que debe ocupar o asociacionismo memorialista no procedemento. A entidade asegura que solicitou xa en xullo de 2024 a incoación do expediente para declarar o Pazo de Meirás como Lugar de Memoria, cun apoio de 27 entidades galegas, pero sinala que esa solicitude non aparece recollida na resolución e que tampouco consta, segundo a súa análise, unha resolución de caducidade dese procedemento.

A partir de aí, o recurso céntrase sobre todo no relato histórico que acompaña á declaración. A CRMH considera que un Lugar de Memoria Democrática debe ter como eixo as vítimas da represión franquista e os feitos relacionados coa violencia, o espolio, a persecución e a vulneración de dereitos durante a ditadura.

A CRMH pide poñer o foco nas vítimas

A organización memorialista cuestiona que a resolución conceda un peso relevante a figuras e acontecementos que, ao seu entender, non forman parte directamente da memoria da represión franquista.

Entre os aspectos que pretende modificar está a presenza de Emilia Pardo Bazán como elemento destacado na xustificación da declaración. A CRMH lembra que a escritora morreu en 1921, antes do golpe de Estado de 1936 e antes do proceso polo que o Pazo pasou a estar vinculado á ditadura franquista, polo que considera que a súa figura non debe ocupar un lugar central nunha declaración baseada na memoria democrática.

A entidade reclama, en cambio, que o relato incorpore con maior profundidade as vítimas do espolio e da represión na contorna de Meirás, incluíndo as persoas que perderon propiedades ou medios de vida e aquelas que sufriron persecución durante os anos do franquismo.

A CRMH tamén considera insuficiente a explicación actual sobre os mecanismos utilizados para ampliar o recinto do Pazo. O recurso defende que non se debería falar simplemente de expropiacións, senón de procesos de apropiación, compras forzosas e actuacións realizadas baixo situacións de coacción e represión.

O nome 'Pazo de Meirás', outra das reclamacións

Outro dos puntos que a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica quere modificar é a propia denominación do Lugar de Memoria. A resolución estatal utiliza 'Meirás', mentres que a entidade pide recuperar a denominación 'Pazo de Meirás'.

A CRMH argumenta que este é o nome de uso social e histórico do inmoble e lembra que o propio catálogo de patrimonio do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Sada identifica o elemento como 'Pazo de Meirás'. Ademais, considera que utilizar unicamente 'Meirás' pode xerar confusión coa parroquia do mesmo nome.

A organización memorialista considera que a denominación tamén ten importancia á hora de construír o relato sobre o lugar e defende que non se debe desvincular o conxunto da súa historia como pazo galego e, ao mesmo tempo, da súa posterior transformación e utilización durante o franquismo.

Tamén reclama investigar o espolio

O recurso inclúe outras peticións, como a corrección de varios erros materiais detectados na resolución e a revisión de referencias á suposta unanimidade das institucións galegas e do movemento memorialista arredor do proceso de recuperación do Pazo.

Pero unha das demandas de maior alcance é a apertura dunha investigación oficial e integral sobre o espolio e a represión vinculados a Meirás. A CRMH pide que se investiguen os bens mobles e inmobles que puideron ser subtraídos ou adquiridos de maneira irregular, así como as propiedades situadas fóra do recinto que quedaron vinculadas ao patrimonio da familia Franco.

Tamén reclama reconstruír a historia das persoas afectadas polos procesos de ampliación da propiedade, identificando as vítimas e as familias que perderon terras ou dereitos, e investigar os bens que aínda poidan permanecer en mans dos herdeiros do ditador.

A entidade pide finalmente que o asociacionismo memorialista participe nas futuras medidas de protección e difusión do Lugar de Memoria e que os posibles usos do Pazo incorporen de forma expresa a finalidade de preservar a memoria das vítimas e os principios de verdade, xustiza e reparación.

O recurso conta, ademais, co apoio de diferentes entidades memorialistas, investigadores, expertos e divulgadores da represión franquista en Galicia, que expresaron publicamente o seu respaldo ás reclamacións formuladas pola CRMH e á necesidade de reforzar a presenza das vítimas, o espolio e a represión franquista no relato sobre Meirás.

0.34787392616272