A Rede Galega Contra a Trata alerta en Vigo da normalización do sugardating e do acceso temperán á pornografía

A Rede Galega Contra a Trata Sexual celebrou este mércores no Hotel Los Galeones de Vigo a XV Xornada «O Prezo do Clic», centrada na relación entre a pornografía, a prostitución e a explotación sexual, así como na mercantilización do corpo das mulleres. O encontro reuniu profesionais, representantes de entidades e institucións e público xeral para reflexionar sobre os riscos asociados a estas prácticas, especialmente entre a mocidade.
Ao longo da xornada, as persoas relatoras analizaron como determinadas dinámicas se presentan como opcións libres, atractivas ou mesmo aspiracionais, mentres poden agochar relacións de poder, desigualdades e intereses económicos que favorecen a explotación sexual.
Andrea García Rodríguez, da Asociación Faraxa, presentou unha investigación sobre o sugardating, unha práctica que, segundo explicou, medrou de maneira importante desde a pandemia e que se estende a través de plataformas dixitais como Telegram, OnlyFans e outras aplicacións específicas.
A relatora advertiu de que este fenómeno se promove mediante unha imaxe asociada ao luxo, aos beneficios económicos e á posibilidade de mellorar a situación persoal. Esta visión idealizada contribúe á súa normalización e chega cada vez a mulleres máis novas e mesmo a menores de idade.
Fronte á aparencia dunha relación voluntaria e beneficiosa para ambas as partes, García Rodríguez alertou das desigualdades que poden existir nestes intercambios. Mentres os demandantes poden manter o anonimato, as mozas quedan máis expostas e poden chegar a compartir información persoal. Ademais, sinalou que, nalgúns casos, o contacto dixital busca facilitar encontros presenciais con finalidade sexual.
A representante de Faraxa tamén destacou que o sugardating adoita percibirse de maneira diferente á prostitución, ao presentarse como unha decisión individual e unha oportunidade de ascenso social. Porén, advertiu de que esta imaxe pode ocultar dinámicas de explotación e favorecer a aparición de intermediarios que obteñen beneficios económicos.
Pola súa banda, Uxía López Mejuto, da Universidade da Coruña, abordou a mercantilización do corpo feminino como un fenómeno estrutural vinculado ás desigualdades de xénero. A súa intervención centrouse en ámbitos como a pornografía e a comercialización de bonecas sexuais hiperrealistas.
López Mejuto chamou a atención sobre a falta de educación sexual nun contexto no que moitos mozos entran en contacto coa pornografía arredor dos 11 anos. Tamén cuestionou os modelos de sexualidade que transmite unha industria que, segundo explicou, pode contribuír a normalizar actitudes misóxinas e relacións baseadas na dominación.
A profesora defendeu que a liberdade sexual non pode entenderse como unha mercadoría e incidiu na necesidade de analizar quen demanda estes produtos e servizos, así como o papel que desempeñan os estereotipos e as desigualdades de xénero. Ademais, lamentou que o debate sobre a explotación sexual se centre habitualmente nas mulleres, sen prestar a mesma atención á responsabilidade da demanda.
A exposición temperá á pornografía
Daniel Ribeiro, da Asociación Amar Dragoste, participou por vía telemática cunha intervención centrada no acceso dos menores á pornografía e nas posibles consecuencias dunha exposición temperá. Segundo explicou, moitos nenos entran en contacto con estes contidos de maneira accidental, o que evidencia a importancia da prevención e da educación.
A partir da súa propia experiencia, Ribeiro relatou como o contacto temperán coa pornografía acabou condicionando a súa vida e a súa maneira de relacionarse coas mulleres. O relator comparou aquela realidade coa actual, na que a facilidade de acceso, a dispoñibilidade permanente e o anonimato poden favorecer hábitos de consumo problemático difíciles de detectar polo contorno.
Ribeiro defendeu a necesidade de crear espazos seguros nos que a mocidade poida falar abertamente destas cuestións e recibir información sobre a industria pornográfica, as situacións de abuso e desigualdade que poden producirse nela e a súa relación coa prostitución e a trata. Tamén insistiu na importancia de ofrecer apoio ás persoas que teñen dificultades co consumo destes contidos e de promover relacións baseadas no respecto e na igualdade.
A XV Xornada «O Prezo do Clic» rematou cun monólogo da actriz e cómica viguesa Arantxa Treus, que puxo o broche final ao encontro cunha proposta de humor para abordar realidades sociais complexas.
Ana García Costas, responsable da ONG Faraxa e encargada de conducir a xornada, destacou o valor do humor como ferramenta para achegar estes debates ao público e pechar unha sesión centrada na prevención da explotación sexual e na defensa dos dereitos das mulleres.