Caballero reclama para Peinador o mesmo apoio económico que o resto de aeroportos

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou este martes que a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra se impliquen economicamente na captación de novas conexións aéreas para o aeroporto de Peinador, do mesmo xeito que fan outras administracións autonómicas e provinciais con distintos aeroportos do Estado.
Caballero insistiu en que o Concello mantén a súa proposta de que as tres administracións financien a partes iguais a incorporación de novas rutas, ao considerar que a infraestrutura presta servizo non só á cidade, senón tamén ao conxunto da provincia e ao sur de Galicia. "Eu non lles vou pedir á cidadanía de Vigo que cos seus impostos paguen os voos da xente do resto da provincia", afirmou.
O rexedor lamentou que a Xunta e a Deputación "sigan sen querer pagar voos no aeroporto de Vigo" e reclamou conexións directas con Londres e París, ademais de reforzar as rutas con Barcelona e recuperar os enlaces con Bilbao, Sevilla e Valencia.
Caballero tamén rexeitou o modelo de promoción turística proposto polo Goberno galego, que contempla unha achega de 100.000 euros por cada nova ruta confirmada, cun máximo de dúas por aeroporto e ano. Ao seu xuízo, esa fórmula non resolve as necesidades de conectividade de Peinador. "Aquilo da publicidade en destino era unha necedade e unha escusa para non pagar en Vigo", asegurou, ao tempo que sostivo que "como van vir os turistas se non hai voos?".
Para reforzar a súa posición, o alcalde puxo como exemplo outras administracións que colaboran no financiamento de conexións aéreas. Citou o caso do Principado de Asturias, que destina cinco millóns de euros á mellora da conectividade aérea; a Deputación de Granada, cun programa de case dous millóns de euros para impulsar os voos internacionais; así como os modelos de León, Castellón, Logroño e Almería, onde participan deputacións, concellos e gobernos autonómicos.
Segundo Caballero, mentres noutras cidades existe implicación institucional para reforzar os seus aeroportos, en Galicia "néganse porque non queren que haxa voos desde Vigo e néganse a que a cidade teña mobilidade".