Centos de persoas apoian en Barreiros ás familias dos seis chalés ameazados de derruba

Os afectados reuníronse diante da Casa do Concello baixo o lema "Hai solución sen demolición" e reclamaron ás administracións que traballen de maneira conxunta para buscar unha alternativa
concentración-Barreiros-casas-Lóngara
28 Aug 2026

Centos de persoas achegáronse este venres á Casa do Concello de Barreiros para mostrar o seu apoio ás seis familias afectadas pola orde de derruba dos chalés de Lóngara. A concentración, convocada ás 18.00 horas, serviu para trasladar novamente á rúa unha reivindicación que nas últimas semanas foi gañando visibilidade e coa que os propietarios buscan esgotar todas as posibilidades antes de que se execute a demolición das súas vivendas.

A concentración contou ademais cunha conferencia de prensa na que as familias explicaron a súa situación e abordaron algunhas das cuestións que rodean o procedemento. Tamén participio Daniel Vispo, de ADEGA, que está a colaborar con elas e que está a axudar e a aclarar diferentes aspectos do conflito, incidindo en que se trata dunha intervención "non partidista". Explicou a situación desde o principio.

O representante da asociación lembra que no seu momento se retiraron arredor de 60 contenciosos relacionados coa situación urbanística de Barreiros, pero que estes casos concretos quedaron fóra. "a pesar de que todos estaban no mesmo xulgado", sinala.

Neste contexto, Vispo cuestiona a actuación da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). "Unha vez retirados eses contenciosos, a APLU, que sabe perfectamente como se fixo todo aquí en Barreiros, está empeñada en executar a sentenza co derrubo das casas", afirma. Ademais, asegura que non entenden "por que a APLU comezou a ameazar o Concello con que ou executa ou que se ateña ás consecuencias".

O representante de ADEGA tamén se mostra crítico coa actuación xudicial neste proceso. "A Xustiza aquí non actuou correctamente", sostén, especialmente tendo en conta que outros procedementos relacionados coa situación urbanística do municipio si foron retirados mentres estes continuaron adiante.

Vispo aclara, en todo caso, que a súa posición non pasa por opoñerse ao cumprimento das resolucións xudiciais. "Non negamos que haxa que executar. Non estamos en contra", asegura. Porén, incide en que o derrubo non sería, ao seu entender, a única saída posible: "A sentenza di que se pode legalizar e non derrubar".

Finalmente, critica a maneira na que se está abordando a situación das familias afectadas. "Unha forma de actuar tan ao azar non é unha forma correcta de proceder. Isto aféctanos a todos", afirma. Neste sentido, considera que tampouco se debería proceder ao derrubo "sen garantir que os afectados vaian ser debidamente indemnizados".

Unha chamada á colaboración entre administracións

"Hai solución sen demolición" foi unha das principais mensaxes da mobilización. As familias insistiron tamén en que "as administracións deben traballar unidas a favor de quen fai ben as cousas", defendendo que levantaron as súas casas confiando nas licenzas e autorizacións administrativas que lles foran concedidas. Os afectados levan semanas explicando que construíron as vivendas amparados polas licenzas das que dispoñían.

Durante a protesta, os propietarios reiteraron que a súa reivindicación non está dirixida exclusivamente contra o Concello de Barreiros. Consideran que o goberno municipal desempeña actualmente un papel especialmente relevante pola tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), pero lembran que no procedemento tamén están implicados outros organismos e institucións.

Por iso, reclaman unha actuación coordinada que permita estudar todas as alternativas posibles antes de chegar a un escenario irreversible. "As administracións teñen que traballar xuntas para resolver o que os cidadáns fixeron ben, seguindo as súas normas", sosteñen.

Unha das vías nas que as familias depositan as súas esperanzas pasa precisamente polo novo planeamento urbanístico. Nas últimas semanas reclamaron que se axilice a tramitación do PXOM para intentar evitar a derruba, ao considerar que o seu avance podería permitir explorar unha posible regularización das vivendas.

Os afectados cuestionaron ademais os diferentes ritmos do procedemento. Segundo veñen denunciando, existe "presa para derrubar e lentitude para legalizar", ao entender que os pasos encamiñados á execución das demolicións avanzan máis rapidamente que as alternativas urbanísticas que poderían contribuír a buscar unha saída.

As familias queren esgotar todas as posibilidades

A mobilización chega nun momento especialmente delicado para os propietarios, que continúan defendendo que debe existir unha alternativa á perda das súas casas. O seu obxectivo inmediato é conseguir que as diferentes administracións implicadas analicen conxuntamente as posibilidades existentes antes de executar as derrubas.

As familias xa advertiron de que, se o procedemento continúa e chega o momento de acceder aos inmobles para executar as demolicións, esixirán a orde xudicial para permitir a entrada nas vivendas. No caso de que finalmente non poidan conservar as casas, tamén solicitarán tempo suficiente para retirar as súas pertenzas.

Con todo, este continúa sendo o último escenario para unhas familias que manteñen como prioridade evitar as demolicións. A resposta á concentración deste venres permitiulles visualizar o respaldo dunha parte da veciñanza e trasladar novamente a súa petición: que Concello e demais administracións implicadas busquen unha solución antes de que a derruba sexa irreversible.

0.20406913757324