Comeza a conta atrás para o Entroido de Ourense de 2026 que chega cun programa cargado de actividades


O Entroido de Ourense chega un ano máis cargado de actividades para todos os públicos e gustos. A festa por excelencia da capital ourensá, que acaba de facer público o seu cartel e o programa completo de actividades, celébrase este ano do 12 ao 17 de febreiro. Desde o xoves, día de comadres, ata o mércores de cinsa, as rúas encheranse de disfraces, música, desfiles e diversión para celebrar o evento máis agardado do ano na cidade.
A programación comeza o xoves con sesións de DJ tanto na Praza Maior como na Praza Santa Eufemia e que contarán coa participación de Leticia Sabater, acompañadas de animadas charangas no Casco Vello. Durante o venres, a Orquestra Origen será a protagonista na Praza Maior, xunto con actuacións musicais e DJs que animarán a tarde e a noite.
O sábado, un dos días grandes do Entroido da cidade, contará con actividades infantís, concertos de grupos como Oviravai e Los Coleguitas, ademais da presenza da orquestra Função Pública e diversas sesións de DJ para manter o ambiente festivo. As charangas tamén acompañarán a xornada, garantindo música e baile ata entrada a madrugada.
A xornada do domingo terá lugar o gran desfile de comparsas e carrozas que percorrerá varias rúas principais da cidade, seguido por concertos e entrega de premios na Alameda. A orquestra Kubo e un concerto de King África porán o broche de ouro a esta intensa xornada.
O luns de Entroido continuará con sesións infantís e concertos, con actuacións de grupos como Los Coleguitas e Trío Somoza. A orquestra Mondragón xunto a Javier Gurruchaga ofrecerán un esperado espectáculo na Praza Maior, mentres que as sesións de DJ manterán o ritmo en varios puntos da cidade.
O martes de Entroido estará marcado por actividades infantís e degustacións típicas como as orellas de Entroido, e contará tamén coa actuación da orquestra París de Noia e a continuidade das charangas no Casco Vello.
Finalmente, o mércores de cinsa pechará a celebración co tradicional Enterro da Sardiña, unha cerimonia que percorrerá desde a Praza Maior ata o Parque San Lázaro, poñendo fin ao Entroido de 2026.
PROGRAMA COMPLETO DEL ENTROIDO DE OURENSE 2026