Goberno e Concello de Lugo reforzan a cooperación institucional nunha reunión con novos investimentos estatais

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, mantivo unha primeira reunión institucional coa alcaldesa de Lugo, Elena Candia, nun encontro no que ambas coincidiron en destacar a importancia da colaboración entre administracións para impulsar o desenvolvemento da cidade.
Durante a reunión, López puxo en valor o compromiso do Goberno de España con Lugo, que se traduce na mobilización de máis de 66 millóns de euros destinados a infraestruturas, vivenda, mobilidade e transformación urbana. Segundo indicou, estes investimentos forman parte dun traballo institucional sostido nos últimos anos que permitiu activar proxectos estratéxicos e consolidar unha carteira de actuacións sen precedentes.
A subdelegada sinalou que Lugo vive un momento especialmente relevante en materia de investimento público, no que xa se están executando ou teñen financiamento garantido varias iniciativas consideradas clave para o futuro da cidade. Entre elas destacou a nova estación Intermodal, cun investimento de 22,3 millóns de euros, que mellorará a conectividade ferroviaria e a integración urbana da contorna.
Tamén puxo o foco na futura comisaría da Policía Nacional no barrio da Abella, tras a autorización de 9 millóns de euros, unha infraestrutura que, segundo explicou, permitirá modernizar os servizos de seguridade. Ademais, salientou a achega de 8,7 millóns de euros procedentes de fondos europeos para o proxecto Novo Norte, orientado á transformación urbana e ao impulso económico da cidade.
López incidiu en que estas actuacións non son promesas, senón proxectos xa comprometidos e en distintas fases de execución, e reiterou a disposición da Subdelegación do Goberno para seguir colaborando co Concello desde a cooperación institucional e a lealdade entre administracións.