Jesús Fernando Salgado e o Post-Growth Innovation Lab reciben os premios Xoán Vicente Viqueira en Bergondo

A Deputación da Coruña recoñece a traxectoria investigadora do catedrático da USC e a innovación científica do grupo da Universidade de Vigo, cunha dotación de 6.500 euros para cada galardón
DIPU CORU premio viqueira
26 Nov 2026

A Deputación da Coruña entregou este xoves en Bergondo os premios da cuarta edición do Premio Xoán Vicente Viqueira de Investigación en Ciencias Sociais, Humanidades, Sustentabilidade e Innovación. Os galardóns recaeron no catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Jesús Fernando Salgado Velo e no grupo Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo, que recibirán 6.500 euros cada un.

O acto celebrouse no centro sociocultural da Senra e estivo presidido pola alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez; a deputada provincial de Educación e Mocidade, Yoya Neira Fernández; e a presidenta do Instituto de Estudos e Investigación Psicosocial Xoán Vicente Viqueira, Isabel Lema Blanco.

Recoñecemento á traxectoria investigadora

Jesús Fernando Salgado Velo recibiu o premio á traxectoria investigadora polo seu traballo no ámbito da psicoloxía do traballo e os recursos humanos. Catedrático da USC, fundou en 1993 o grupo de investigación Recursos Humanos e Rendemento, desde o que desenvolveu estudos sobre selección de persoal e avaliación do desempeño profesional.

Entre as súas liñas de investigación figura a análise de ata que punto unha entrevista de selección permite anticipar como desenvolverá unha persoa o seu posto de traballo. Os seus traballos tamén abordaron os procesos de selección de persoal nas administracións públicas. Autor de máis dun cento de artigos científicos, recibiu en 2023 a Medalla Domingo García-Sabell Rivas da Real Academia Galega de Ciencias.

Innovación para mellorar o benestar sen depender do crecemento económico

Na modalidade de innovación científica, o premio foi para o Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo. Creado en Pontevedra en 2021 polo investigador Mario Pansera, co apoio do Consello Europeo de Investigación, o grupo estuda como a ciencia e a tecnoloxía poden contribuír a mellorar a calidade de vida sen depender dun crecemento económico continuo.

Entre as súas iniciativas destaca Postgrowth S.A. Pontevedra, un proxecto de ciencia cidadá no que alumnado de secundaria investigou a transición ecolóxica na súa contorna e participou na elaboración de propostas para o municipio.

O xurado deixou deserta a terceira modalidade do certame, destinada a recoñecer a calidade dun traballo realizado por unha persoa investigadora de ata 35 anos.

Os premios Xoán Vicente Viqueira están convocados pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Bergondo e o Instituto de Estudos e Investigación Psicosocial Xoán Vicente Viqueira. O certame lembra o legado do filósofo, psicólogo e escritor Xoán Vicente Viqueira Cortón e valora aspectos como a calidade científica das investigacións, o seu impacto social e a súa capacidade para achegar os resultados á cidadanía.

1.4641170501709