Nenea: A educación que medra ao aire libre colle forza en Mondoñedo

O proxecto educativo consolida unha nova etapa baseada no respecto á infancia, o xogo libre e a creación de redes comunitarias
Nenea-educacion-bosque-3
Foto de CarlosGrafías
15 Jun 2026


Por Ana Somoza.

Nenea leva máis dunha década desenvolvendo proxectos de educación na natureza que, segundo explican as súas impulsoras, transformaron profundamente a súa maneira de entender a infancia e o proceso educativo. A experiencia acumulada durante estes anos en contornas naturais marcou un antes e un despois na evolución do proxecto.
As súas responsables lembran que foron anos de traballo continuado entre bosques, formacións e acompañamento a familias. “Dez anos dan para moito”, sinalan, e destacan que a vivencia da escola no bosque non só tivo impacto nas crianzas, senón tamén no propio equipo educativo. “Transformounos a nós tamén”, engaden, ao explicar que o modelo foi evolucionando cara unha visión máis ampla da educación.

O proxecto naceu coa intención de ofrecer unha alternativa baseada no contacto directo coa natureza e no xogo libre como ferramentas fundamentais de aprendizaxe. Co paso do tempo, esa idea inicial foi medrando ata converterse nun modelo máis complexo que integra tamén formación, asesoramento pedagóxico e creación de redes comunitarias.

MONDOÑEDO.

Mondoñedo convértese agora no novo punto de referencia do proxecto. A decisión de establecer alí a sede responde tanto a razóns persoais como profesionais. Unha das integrantes do equipo, natural da cidade, explica que o vínculo co territorio foi determinante na elección.

Xa levaba tempo instalada aquí mentres viaxabamos impartindo formacións”, relata, ao tempo que recoñece que o ritmo de traballo itinerante fixo evidente a necesidade de contar cun espazo estable. “Foi un ano moi intenso, pero tamén nos fixo ver que necesitabamos un lugar onde botar raíces sen deixar de movernos”, engade.

A resposta recibida na cidade foi, segundo o equipo, moi positiva. “Mondoñedo abriunos as portas”, explican, destacando tanto a implicación das familias como a acollida institucional. Esa combinación fixo posible consolidar unha nova etapa que consideran clave no futuro do proxecto.

LABORATORIO.

Laboratorio Formativo Nenea é actualmente o eixo central do proxecto. Trátase dun equipo de innovación educativa que traballa desde unha perspectiva integral baseada no pensamento, a experiencia e o acompañamento emocional.

As súas responsables defíneno como un espazo no que se busca impulsar procesos de aprendizaxe e transformación pedagóxica. “Traballamos desde o pensar, o sentir e o experimentar”, explican, ao describir unha metodoloxía que combina formación, asesoramento e deseño de experiencias educativas. Entre as súas principais liñas de traballo destacan a pedagoxía dos coidados, a educación na natureza e o acompañamento respectuoso. O obxectivo, segundo sinalan, é ofrecer ferramentas tanto a profesionais da educación como a familias que buscan novas formas de acompañar á infancia.

Nos próximos meses teñen previsto desenvolver unha semana formativa centrada na pedagoxía dos coidados e da natureza, ademais dun foro internacional no que se abordarán experiencias e modelos educativos vinculados aos coidados.

INFANCIA.

Nenea mantén unha liña de traballo directa coa infancia a través da escola no bosque e de actividades ao aire libre, aínda que nesta nova etapa esta parte do proxecto terá un desenvolvemento máis pausado. A filosofía educativa segue sendo clara. “A infancia necesita xogar en liberdade, fóra das paredes e en contacto coa natureza”, explican. O xogo libre é considerado o eixo central do desenvolvemento infantil, tanto a nivel emocional como social e cognitivo. O equipo insiste en que a sociedade actual tende a afastar ás crianzas do contacto coa contorna natural. “Vivimos nun contexto moi acelerado e hiperconectado”, sinalan, e defenden que a natureza ofrece un espazo necesario de equilibrio e aprendizaxe.

APRENDIZAXE.

Nenea defende que a educación na natureza ofrece beneficios amplamente observados na práctica. As súas impulsoras explican que o acompañamento respectuoso permite un desenvolvemento emocional máis estable, baseado na seguridade e na confianza.
No ámbito social, destacan o papel do xogo libre como ferramenta fundamental de relación. “É no xogo onde as crianzas aprenden a convivir, a resolver conflitos e a desenvolverse en grupo”, explican. No plano académico, consideran que o currículo pode traballarse de forma flexible e adaptada ao contexto natural. A natureza é definida como “o maior espazo de aprendizaxe posible”, onde a curiosidade infantil xoga un papel clave.

TECNOLOXÍA.

O uso da tecnoloxía na infancia é outro dos puntos de reflexión do proxecto. O equipo non rexeita a súa presenza, pero defende que debe ser progresiva e equilibrada. “Canta máis tecnoloxía, máis natureza”, lembran citando ao escritor Richard Louv, unha das súas referencias no ámbito da educación ambiental. Ao mesmo tempo, advirten de que a exposición temperá ás pantallas pode afectar ao desenvolvemento infantil. A súa proposta pasa por priorizar o contacto co medio natural durante os primeiros anos de vida e introducir a tecnoloxía de maneira progresiva en etapas posteriores.

CAMBIO EDUCATIVO.

Nenea considera necesario avanzar cara unha transformación profunda do sistema educativo. Entre as principais demandas destacan a redución de ratios nas aulas, a mellora das condicións laborais do profesorado e a introdución de modelos máis flexibles. “Temos grandes profesionais, pero moitas veces traballan en condicións que non permiten desenvolver todo o seu potencial”, explican. Por iso propoñen un sistema máis aberto ao traballo por proxectos e ao movemento dentro e fóra das aulas.

FORMACIÓN.

A formación continua é outro dos piares fundamentais do proxecto. O equipo considera que o cambio educativo só é posible se o profesorado conta con espazos permanentes de actualización e reflexión. Cada vez máis centros educativos, explican, solicitan formacións específicas para avanzar cara modelos máis innovadores. “Hai unha necesidade real de cambio”, apuntan, destacando o interese crecente por estas propostas.

FAMILIAS EN REDE.

Un dos proxectos máis recentes é “Familias en Rede”, unha iniciativa que naceu a partir das demandas de familias da A Mariña interesadas en novos modelos de crianza. O obxectivo é crear espazos de encontro, formación e acompañamento. “Hai moita soidade na crianza actual”, explican, e consideran necesario xerar comunidade e apoio mutuo. O proxecto inclúe obradoiros, xornadas familiares e actividades na natureza, co obxectivo de fortalecer os vínculos entre familias e profesionais da educación.

COMUNIDADE.

Nenea entende a educación tamén como unha ferramenta de desenvolvemento comunitario. Segundo explican, o proxecto pode contribuír a fortalecer o territorio e xerar redes sociais máis sólidas. A educación, engaden, pode ser clave para fixar poboación e dinamizar a vida local. Por iso apostan por crear espazos de colaboración entre familias, profesionais e comunidade educativa.

FUTURO.

O obxectivo a medio prazo é consolidar Mondoñedo como un referente na formación pedagóxica e seguir ampliando o alcance da escola na natureza. “Gustaríanos que Nenea sexa un referente en formación de adultos e que a escola no bosque siga medrando”, conclúen, abrindo unha nova etapa centrada na consolidación e no crecemento sostible do proxecto.

0.25822806358337